Historia de Iocoama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Historia urbana de Iocoama")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Arribada de Perry á baía de Iocoama.

A historia urbana de Iocoama ten a súa primeira mención en data de 1442, aínda que consta a súa existencia dende o século XI, coma unha pequena aldea de pescadores en terras pantanosas preto de Kanagawa, a terceira estación do Tokaido[1], principal vía de comunicación do Xapón dende o século XVII entre as dúas capitais, Edo (Toquio) e Quioto. O Xapón do período Edo era unha nación pechada cara ao mundo.

Así permaneceu ata 1853 cando o comodoro Matthew Perry, ao mando dunha frota de navíos de guerra dos EUA, arriba á badía de Iocoama demandando do shogunato Tokugawa a apertura de portos ao comercio exterior[2]. Un tratado de paz e amizade asínase en 1854 establecendo Kanagawa coma primeiro porto. Pero as incomodidades que a proximidade do Tokaido podían supoñer para o confort dos comerciantes estranxeiros fixeron trasladar a Iocoama a construción do peirao. Daquela, o poboado contaba apenas cen casas.

En 1859 o porto de Iocoama deu inicio á historia propiamente urbana da vila[3], e con ela, á da modernización do Xapón da man do cosmopolitismo e os intercambios que acadou[4].

A nova cidade (en terreos de recheo arrebatados ao mar en 1667), arrodeada de canles para seguridade e vixilancia, compoñíase do asentamento dos estranxeiros ("Kannai") ao leste fronte aos peiraos, e o distrito comercial xaponés ao oeste, ao longo dunha rúa principal, a Honcho Dori[5]. Cara ao interior, coma unha illa no medio do campo, Miyozaki, o barrio do ocio[6].

Minato Mirai 21 e Landmark Tower.
Peirao Osanbashi.

Axiña o crecemento resulta espectacular e, trala rápida reconstrución despois do lume de 1866 que a destrúe parcialmente, máis ordenado (Nakadori, ampla avenida no barrio estranxeiro). Un dos maiores barrios chineses do mundo crece cun trazo diagonal pegado a Kannai e ao antigo distrito do pracer reconvértese en parque público. Os estranxeiros estenden os seus barrios ás alturas de Yamate (sueste).

En 1872, o primeiro ferrocarril do Xapón circula entre Iocoama e Shinagawa (Toquio), poñendo de relevo a disposición da nova era Meiji (dende 1868) para a modernización do país. Deseguido impleméntanse plans de forte industrialización da faixa costeira entre Iocoama e Toquio (nova capital do Xapón). Ao mesmo tempo acompañados do conseguinte agrandamento da zona portuaria mediante sucesivos recheos[7][8].

En 1889 acadou oficialmente o estatuto de municipalidade e o réxime de extraterritorialidade dos barrios estranxeiros foi abolido.

En 1923, o gran terremoto que asolou a chaira de Kanto destrúe a urbe. Na reconstrución, os escombros utilízanse para novos recheos, entre eles o novo parque Yamashita na ribeira do centro da cidade. En 1945 volve ser destruída polos bombardeos da aviación estadounidense.

A historia de recheos que dende o principio foi construíndo a Iocoama e o seu porto[9][10] ten coma último capítulo ata o de agora o proxecto Minato Mirai 21[11]. No nordés de Kannai, co obxectivo de abrir a cidade ó fronte marítimo, conta con varios rañaceos, entre eles o máis alto do Xapón (a Landmark Tower do 1993).

Cabe destacar tamén a renovación do máis antigo peirao coma terminal de cruceiros (Osanbashi do 2002), obra do arquitecto español Alejandro Zaera Polo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Imaxe de www.thetempleguy.com
  2. Imaxe en www.ocw.mit.edu
  3. Imaxe en www.library.ubc.ca
  4. "Yokohama Boomtown", artigo en www.ocw.mit.edu (en inglés).
  5. ocw.mit.edu
  6. ocw.mit.edu
  7. Mapa Arquivado 04 de abril de 2013 en Wayback Machine. en www.tois.nichibun.ac.jp
  8. Imaxe en tois.nichibun.ac.jp
  9. Imaxe en www.yohidevils.net
  10. "www.yokohamaport.org". Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2008. Consultado o 16 de outubro de 2008. 
  11. Imaxe en www.nippon2007.us