Harti Kanukov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Harti Kanukov
Nacemento17 de decembro de 1883
 Óblast de Rostov
Falecemento7 de febreiro de 1933
 Elista
NacionalidadeUnión Soviética
Ocupaciónpoeta, político e militar
editar datos en Wikidata ]

Harti Badievich Kanukov, nado o 17 de decembro de 1883 en Zundov e finado o 7 de febreiro de 1933 en Elst, foi un mestre, revolucionario, político, escritor, xornalista e tradutor calmuco, considerado canda Ninguir Mandzhiev un dos fundadores da literatura calmuca moderna [1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia cosaca calmuca que levaba unha vida seminómade, así e todo puido ir á escola e logrou a habilitación como axudante de mestre rural, xa que os calmucos non podían ser mestres titulares[2]. Entre 1902 e 1908 foi mestre rural en Denisovski, localizado entón no óblast do Exército do Don. En 1908 a policía detívoo por organizar unha sección do sindicato de mestres aínda que quedou en liberdade baixo vixilancia. Dende 1909 serviu nun rexemento cosaco exército ruso e despois do seu licenciamento en 1914 volveu ao ensino mais ao pouco estalou a guerra e mobilizárono de novo, desta volta formou no 36º rexemento de cabalería pero en 1915 regresou por enfermidade. En maio de 1918 entrou no Exército Vermello ao tempo que era membro do Partido Comunista. Durante a guerra Civil en Rusia, serviu no departamento de axitación e educación da comisaría política do 10º Exército Vermello, como comisario da brigada de cabalería calmuca do 1ª exército de cabalería (1919-20) e entre novembro de 1920 e febreiro de 1921 foi asistente do comandante e xefe de intelixencia da 6ª división de cabalería do 1º exército. Nesa época participou na publicación de follas soltas e folletos do exército para os soldados calmucos e en setembro de 1919 organizou en Saratov a publicación do primeiro xornal calmuco Ulan Halmg onde publicaron os novos poetas e prosistas calmucos. Entre 1921 e 1924 foi asesor e xefe do departamento de intelixencia do Exército Revolucionario Mongol, so o nome de Itrah Vokunaev, e participou en accións armadas e comandou unha brigada en Urga, tamén foi un dos responsables da organización da cabalería mongol[3]. Foi presidente do comité central executivo do óblast autónomo dos Calmucos dende 1925 e presidente do comité da República dos Calmucos dende 1929. Tamén foi representante calmuco no presidium do comité central executivo

Creatividade[editar | editar a fonte]

Publicou folletos en lingua calmuca en forma poética para os soldados calmucos que se converteron nas primeiras obras literarias modernas da literatura calmuca, radicalmente diferente á literatura anterior que tiña un forte compoñente relixioso, e foi o xermolo do realismo socialista que conformou a base da literatura calmuca durante a época soviética. Tamén traduciu obras de V.I. Lenin

Obras[editar | editar a fonte]

  • Şacna Huvrgin Yovdl, poema, 1929

Notas[editar | editar a fonte]

  1. История калмыцкой литературы / Академия наук СССР. — Элиста: Калмыцкое кн. изд-во, 1980. — С. 22—23
  2. Amaeva Daglara Vladimirovna Становление Общественно-Политических Взглядов Харти Канукова Вестник Калмыцкого Университета: 4 (28) 2015 pp. 9-14
  3. Алексеев М.А., Колпакиди А.И., Кочик В.Я. Энциклопедия военной разведки. 1918-1945 гг. М., 2012, с. 383.