Híades (cúmulo aberto)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Híades
Híades

Híades (Ὑάδες en grego) é un cúmulo aberto localizado na constelación de Taurus. As súas estrelas máis brillantes forman un "V" oblicuo arredor da gran xigante Aldebaran (α Tau), a estrela máis brillante no campo visual, mais que non forma parte deste cúmulo.

Historia[editar | editar a fonte]

Como un cúmulo visible a simple vista xa se coñecía na prehistoria. Mencionounas Homero no 750 a.C. e Hesíodo no 700 a.C. Probablemente catalogouno pola primeira volta Giovanni Batista Hodierna en 1654 e Lewis Boss en 1908 foi o primeiro en demostrar que o conxunto de estrelas formaban un cúmulo. Charles Messier usou táboas estelares que incluían e etiquetaban as Híades, pero non as agregou no seu famoso catálogo.[1]

Características principais[editar | editar a fonte]

As Híades encóntranse a 151 anos luz de distancia, o que as converte no cúmulo estelar máis próximo á Terra. Consta de 80 estrelas situadas nunha esfera de 12 parsecs de diámetro, o seu centro está a 37 parsecs da Terra. Mentres o cúmulo ten cerca de 75 anos luz de diámetro, o prominente grupo central posúe case 10 anos luz de diámetro. O seu diagrama Hertzsprung-Russell amosa que as Híades teñen unha idade de 625 ± 50 millóns de anos..[2] Formáronse probablemente da mesma nube que o cúmulo de Praesede (M44).[1]

Principais membros[editar | editar a fonte]

Nome Denominación de Bayer Magnitude aparente Tipo espectral Notas
Theta2 Tauri 3,41 A7III
Ain Épsilon Tauri 3,54 G9.5III Posúe un planeta extrasolar
Hyadum I Gamma Tauri 3,65 K0III
Hyadum II Delta1 Tauri 3,76 K0III
Theta1 Tauri 3,85 K0IIIb

Fonte: Base de datos SIMBAD

En dúas das estrelas do cúmulo (79 Tauri e HD 28226), o exceso de emisión infravermella suxire a presenza dun disco circunestelar de poeira.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Información das Híades en SEDS". Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2008. Consultado o 06 de novembro de 2016. 
  2. Perryman, M.A.C., al. (1998). "The Hyades : distance, structure, dynamics, and age". Astronomy & Astrophysics 331. pp. 81–120. 
  3. Cieza, Lucas A.; Cochran, William D.; Augereau, Jean-Charles (2008). "Spitzer Observations of the Hyades : Circumstellar Debris Disks at 625 Myr of Age". The Astrophysical Journal. pp. . 720–731.