Cova de Pech Merle
A gruta de Pech Merle é unha cova decorada prehistórica sita en Francia.
Situación e historia
[editar | editar a fonte]A caverna de Pech Merle está situada no departamento de Lot, na rexión de Midi-Pyrénées, no concello de Cabrerets. Ábrese nun outeiro (Pech en occitano, do latín podiu) que domina o val do río Célé, no Quercy. O abade Henri Breuil dixo desta cova: "A sala pintada da caverna de Pech Merle é como a Capela Sistina dos planaltos calcáreos do Lot".
A cova decorada foi descuberta o 4 de setembro de 1922 por André David e Henri Dutertre. Foi estudada por Amédée Lemozi, que publicou "La grotte temple du Pech Merle" (A gruta-templo de Pech Merle), en 1929, André Leroi-Gourhan e mais Michel Lorblanchet.
En 1949, o mesmo André David descubriu o divertículo do Combel, un ramal na mesma cova, e Amédée Lemozi estudou as pinturas descubertas nel.
Pech Merle foi declarado Monumento histórico, e representa un sitio salientable da arte paleolítica europea.
A arte de Pech Merle
[editar | editar a fonte]Abondo vasta, a gruta comprende dous subconxuntos situados a un e outro lado da entrada prehistórica:
- No lado leste son visíbeis puntos vermellos, figuras de cabalos, un felino e, nun divertículo denominado Le Combel, tres figuras evocadoras de cervos megaceros;
- O lado oeste esténdese por unha área maior e máis rica. Comprende principalmente unha composición chamada o friso negro, no que están agrupados un cabalo, varios bisontes e mamuts, con numerosos trazados dixitais no teito, e mans negativas asociadas a puntos; está situada aquí tamén a escena chamada "dos cabalos con puntos". Esta última composición, tan complexa, foi, sen dúbida, realizada en varias etapas. Comprende dous cabalos, un orientado para a esquerda e o outro para a dereita, acompañados de seis mans en negativo negras, signos e máis puntos. Un grande peixe de finos trazos vermellos está superposto sobre o cabalo da dereita.
Este último foi obxecto dunha datación directa por carbono 14, co resultado de arredor de -25.000 anos antes da nosa era. Tal data corresponde ao período Gravetiense, o que é compatíbel con outros elementos como son as mans negativas. Con todo, é posíbel que parte das pinturas e dos gravados de Pech Merle date dunha fase máis recente, qizais do Magdaleniano.
Visita
[editar | editar a fonte]Aínda que o número de visitantes diarios estea limitada, Pech Merle forma parte das covas ornamentadas paleolíticas principais que están aínda abertas ao público. No lugar, o Museo de Prehistoria Amédée Lemozi serve para completar a visita da gruta.
En 2006, 72.000 persoas visitaron a caverna[1].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Journal La Dépêche (Lot) du 29 août 2007 p.36
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- (en francés) Páxina do Centre de Prehistoria de Pech Merle
- (en francés) Interrogar a arte parietal - O friso negro de Pech-Merle, filme de M. Lorblanchet, 1984, realmedia de 18 min.