Granulación aracnoide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Granulación aracnoide
Representación diagramática dun corte a través da parte superior do cranio, mostrando as membranas do cerebro, etc. (A etiqueta de "Arachnoid granulation" -granulación aracnoide- está arriba á dereita.)
Granulacións aracnoides vistas nunha autopsia, onde se retirou a dura máter pero a aracnoide permanece no seu sitio.
Latín Granulationes arachnoideae

As granulacións aracnoides, tamén chamadas vilosidades aracnoides ou villi aracnoides (un nome máis antigo é granulacións ou corpos de Pacchioni[1]) son pequenas protrusións da aracnoide[2] (a segunda capa ou meninxe que cobre o cerebro) que se estenden na membrana máis externa ou dura máter (a grosa capa externa menínxea). Fan protrusión nos seos venosos durais do cerebro e permiten que o líquido cefalorraquídeo saia do espazo subaracnoide e entre no torrente sanguíneo.

As granulacións máis grandes dispóñense ao longo do seo saxital superior, un grande espazo venoso que vai desde a parte frontal á posterior ao longo do centro da cabeza intracranialmente. Porén, están presentes tamén noutros seos durais.

Función[editar | editar a fonte]

A difusión a través das granulacións aracnoides cara ao seo saxital superior devolve o líquido cefalorraquídeo á circulación venosa.[3]

As granulacións aracnoides actúan como válvulas dunha soa dirección. Normalmente a presión do líquido cefalorraquídeo é maior que a do sistema venoso, deste modo, o líquido cefalorraquídeo flúe a través das granulacións cara ao sangue. Se a presión se inverte por algunha razón, o líquido non poderá pasar de volta ao espazo subaracnoide. A razón disto non se coñece. Suxeriuse que as células endoteliais do seo venoso crean vacúolos de líquido cefalorraquídeo, que se move a través das células e saen delas cara ao sangue.

A importancia das granulacións aracnoides para a drenaxe do líquido cefalorraquídeo é bastante polémica. Nalgúns informes unha gran porción (quizais a maioría) do líquido cefalorraquídeo drénase a través de vasos linfáticos asociados con segmentos extracraniais dos nervios craniais. Crese que unha gran proporción de líquido cefalorraquídeo abandona a bóveda cranial polos axóns do primeiro nervio cranial (nervio olfactorio) a través da súa extensión pola placa cribriforme.

Na superficie interna dos ósos craniais, hai pequenos ocos chamados fóvea granular producidos polas granulacións aracnoides.[4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome dado en honra do anatomista italiano Antonio Pachioni. synd/392 en Who Named It?
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para aracnoide.
  3. Martini, Frederick; Timmons, Michael; Tallitsch, Robert (2015). Human Anatomy (Eighth ed.). Boston: Pearson. p. 453. ISBN 978-0-321-88332-2. 
  4. Linden Forest Edwards (1934). Anatomy for physical education, descriptive and applied. P. Blakiston's son & co., inc. p. 80. Consultado o 23 June 2012. 
  5. Sir Henry Morris (1921). Morris's human anatomy. P. Blakiston's son & Company. p. 953. Consultado o 23 June 2012. 

Galería[editar | editar a fonte]