Gibson
Gibson Guitar Corporation | |
---|---|
Tipo | privada |
Fundación | 1896 |
Localización | Nashville, Tennessee |
Fundador | Orville Gibson |
Industria | instrumentos musicais |
Na rede | |
https://www.gibson.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Gibson Guitar Corporation é unha fabricante estadounidense de instrumentos baseada en Nashville, Tennessee. Antigamente tiña a súa base en Kalamazoo, Míchigan e a súa produción céntrase sobre todo na fabricación de guitarras, que vende baixo o nome de varias marcas. Cunha historia de case un século, Gibson foi unha das compañías que revolucionou o desenvolvemento das guitarras acústicas e eléctricas, e ao longo da súa existencia ten construído algúns dos modelos máis emblemáticos, como a Gibson Les Paul. Moitos dos seus instrumentos continúan aumentando o seu valor, e algunhas Gibsons atópanse entre as guitarras máis coleccionadas.
A compañía fundouna Orville Gibson, que fabricaba mandolinas en Kalamazoo a finais da década de 1890. Orville inventou as guitarras archtop usando o mesmo tipo de tapa curvada que as que teñen os violíns. cara a década de 1930 a compañía fabricaba tamén guitarras de tapa chá, ademais de lanzar comercialmente a primeiraguitarra eléctrica de corpo oco, usada e popularizada por Charlie Christian. Gibson estivo á cabeza da innovación nas guitarras acústicas, especialmente na era das big bands dos anos 1930; a Gibson Super 400 foi amplamente imitada. A comezos dos anos 50 Gibson presentou a súa primeira guitarra eléctrica de corpo sólido, e en 1952 comezou a fabricar o seu modelo máis popular, a Les Paul, deseñada por Ted McCarty e Les Paul. Despois de ser vendida á corporación Norlin a finais dos 60, a calidade e a fortuna de Gibson comezou a baixar ata comezos de 1986, cando a compañía foi adquirida polos seus donos actuais. Gibson Guitar é unha corporación privada que pertence ao seu director executivo Henry Juszkiewicz e ao seu presidente David H. Berryman.