Gambito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Un gambito[1] é unha apertura de xadrez na cal se sacrifica material (normalmente un peón) para conseguir unha vantaxe. Un gambito xogado en resposta a outro gambito a miúdo chámase contragambito.

Hai tres métodos xerais no que un gambito pode axudar a unha posición:

  • Ganancia de tempo: o xogador que acepta o gambito ten que gastar tempo para aceptar o material e posiblemente debe usar un tempo máis para reorganizar as súas pezas despois de que o material foi gañado.
  • Xeración de actividade diferencial: a miúdo, un xogador que acepta un gambito descentralizará as súas pezas ou peóns e o xogador que realiza o gambito colocará as súas pezas en casas que doutra maneira serían inaccesibles. Ademais, os alfís e as torres poden chegar a ser máis activos simplemente porque a perda de peóns a miúdo proporciona máis columnas e diagonais abertas. O campión do mundo Mijaíl Tal, un dos xogadores de ataque máis extraordinarios da historia, unha vez dixo que sacrificara un peón só porque "estaba no seu camiño".
  • Xeración de debilidades posicionais: finalmente, ao aceptar un gambito pódese chegar a unha estrutura de peóns comprometida, buracos ou outras deficiencias posicionais.

No xadrez moderno, a resposta típica a un gambito moderadamente coñecido é aceptar o material e logo devolvelo no momento apropiado. Para gambitos que son menos coñecidos, o xogador que os acepta ten máis posibilidades de quedar co material extra. Por regra xeral a miúdo atopada en varios principios de xadrez, suxírese que un xogador debería gañar tres tempos (movementos) por un peón sacrificado, pero non está claro o útil que é esta máxima xa que os "movementos libres" son parte da compensación, non son case a totalidade do que se gaña cun gambito. A miúdo, un gambito pódese declinar sen desvantaxe.

Un bo exemplo é o gambito danés: 1.e4 e5 2.d4 exd4 3.c3 dxc3 (3...d5 sería unha forma de refutar o gambito) 4.Ac4 cxb2 5.Axb2. O branco sacrificou dous peóns, pero os seus alfís están moi ben desenvolvidos, mirando ao flanco de rei do opoñente. Un gambito moi dubidoso é o chamado Gambito Halloween: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.Cc3 Cf6 4.Cxe5?! Cxe5 5.d4. Aquí o investimento é moi grande para a vantaxe moderada de ter un forte centro.

A palabra "gambito" foi orixinalmente aplicada para aperturas de xadrez en 1561 polo sacerdote español Ruy López de Segura, a partir da expresión italiana dare il gambetto (pór unha trampa), e esta á súa vez de gamba (perna), e do verbo gambettare (facer cambadela). López estudou esta manobra, e así a palabra italiana converteuse na forma española gambito que conduciu ao francés gambit, a cal influíu á palabra inglesa.

Algúns gambitos[editar | editar a fonte]

  • Gambito de rei: 1.e4 e5 2.f4
  • Gambito de dama: 1.d4 d5 2.c4. Este é o "gambito" máis xogado, pero tecnicamente non é un gambito xa que o branco pode garantir a recuperación do seu peón (simplemente mediante 2. ..dxc4 3. Dá4+, pero normalmente mediante liñas máis sutís).
  • Gambito Evans: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.Ac4 Ac5 4.b4
  • Gambito Rousseau: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.Ac4 f5
  • Gambito Morra: 1.e4 c5 2.d4 tentando 2. ..cxd4 3.c3 dxc3 4.Cxc3
  • Defensa dos dous cabalos Ataque Fegatello: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.Ac4 Cf6 4.Cg5 d5 con 5.exd5 Ca5 6.Ab5+ c6 7.dxc6 bxc6 como continuación prometedora.
  • Gambito Blackmark-Diemer: 1.d4 d5 2.e4 dxe4 3.Cc3 seguido por 4.f3
  • Gambito From: 1.f4 e5
  • Gambito Staunton: 1.d4 f5 2.e4
  • Gambito Budapest: 1.d4 Cf6 2.c4 e5
  • Gambito escocés: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.d4 exd4 4.Ac4
  • Gambito letón: 1.e4 e5 2.Cf3 f5
  • Gambito elefante: 1.e4 e5 2.Cf3 d5!?
  • Gambito Englund: 1.d4 e5?!
  • Gambito italiano: 1. e4 e5 2. Cf3 Cc6 3. Ac4 Ac5 4. d4
  • Contragambito Albin 1. d4 d5 2. c4 e5
  • Gambito danés: 1.e4 e5 2.d4 exd4 3.c3
  • Contragambito Volga: 1.d4 Cf6 2.c4 c5 3.d5 b5
  • Gambito Halloween: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.Cc3 Cf6 4.Cxe5

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gambito.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]