Fóra de si
Fóra de si | |
---|---|
Autor/a | Suso de Toro |
Orixe | |
Lingua | Galega |
Colección | Literaria |
Editorial | Xerais |
Data de pub. | 2018 |
Páxinas | 224 |
ISBN | ISBN 978-84-9121-314-7 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Fóra de si é unha novela de Suso de Toro publicada en 2018 por Edicións Xerais de Galicia.
Trama e estrutura
[editar | editar a fonte]A obra aparece externamente estruturada en seis partes de diferente extensión (Fracasando, Peregrinando, Benvido, Encontrando, Soñando, Imaxinando)[1] que nos seus títulos aluden ao camiño vital emprendido polo protagonista e que á súa vez están divididas en capítulos.
O neurociruxián Ricardo Marzoa está “fóra de si” por razóns persoais e laborais[2]: séntese humillado profesionalmente, ao non conseguir pertencer á Real Academia de Medicina[3], nin ser elixido director do hospital e nin sequera poder xubilarse como xefe de planta; no plano persoal o seu matrimonio está morto desde hai moitos anos, non ten case relación coa súa filla e é adicto ao alcool. Nesta situación emprende viaxe á aldea para soterrar as cinzas do seu tío Virxilio e ten un accidente de coche que lle cambiará a vida. Decide rehabilitarse, cumpre as diversas encargas feitas polo seu tío antes de morrer e descobre un novo amor.
Narración
[editar | editar a fonte]Fóra de si é unha novela sen narrador, son as propias personaxes as que van dando conta do progreso da trama[4].
O eixo central da obra é a conversa do protagonista co seu pai, ou máis ben monólogo, pois este apenas cruza unha ducia de palabras con el cara ao final[5], na que lle dá conta dos acontecementos deses últimos días e, ao mesmo tempo, aproveita para facer un axuste de contas sobre o seu pasado.
Ademais, sérvese de escenas dialogadas, con outros personaxes e escenarios, para ampliar ou contrastar a interpretación dos feitos que aquel narra[6].
Espazo
[editar | editar a fonte]O espazo alterna entre a cidade, Santiago de Compostela (República do Salvador, Alfredo Brañas[7]…) onde viviu ata agora e o campo, a aldea onde está a casa familiar que o tío Virxilio lle deixa en herdanza e onde decide iniciar a súa nova vida[8].
Personaxes
[editar | editar a fonte]O protagonista e voz principal da novela é Ricardo - Ricardito- Marzoa Datorre, neurocirurxián a punto de xubilarse sofre unha crise existencial que o leva a cambiar radicalmente de vida: mantén un diálogo –monológo co seu pai no que lle bota a culpa de todo o seu fracaso persoal ao tempo que se ve como espello del.
Ricardo Marzoa Caamaño, pai, tamén neurocirurxián de maior éxito que o seu fillo, a quen nunca deu cariño desde que era un neno e desprezou por consideralo inferior a el en todo.
O tío Virxilio, o personaxe descoñecido da familia e polo oposto ao seu irmán Ricardo, estivo no Seminario, tamén en Alemaña e foi profesor de grego. Despois de anos sen falar con el aparece no hospital para morrer de cancro e supón o detonante da acción, coa petición de que vaia visitar o pai e a herdanza que lle deixa.
Celeste Beatriz, exótica personaxe brasileira, meiga, compoñedora, vendedora de cánnabis…, é a viúva do caseiro da familia e axudáballe a Virxilio na casa durante os últimos anos, ademais de ser a súa amiga na aldea.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ de Toro, Suso (2018). Fóra de si. Edicións Xerais de Galicia. p. 221. ISBN 978 84 9121 314 7.
- ↑ "Recensión de Ramón Nicolás".
- ↑ de Toro 2018, p. 38.
- ↑ "Recensión de Xosé M. Eyré". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020.
- ↑ "Recensión de Manrique Fernández".
- ↑ "Recensión de Dolores Martínez". blog de ed. Xerais. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 24 de abril de 2020.
- ↑ de Toro 2018, p. 49.
- ↑ de Toro 2018, p. 187.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha da editorial
- Entrevista co autor en Faro da cultura Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine. (22 de marzo de 2018). Consultado o 04/06/2018.
- Entrevista co autor en Biblos. Consultado o 04/06/2018.
- Recensión de Pedro Feijoo en Vigoé, 28 de febreiro de 2018Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.. Consultado o 04/06/2018.