Frikipedia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A Frikipedia foi unha wiki en lingua castelá, creada como parodia da Wikipedia. Era tamén nomeada a enciclopedia extremadamente seria ou a enciclopedia paródica. Contaba con preto de 11 230 artigos. A Frikipedia estaba baixo a licenza de documentación libre de GNU. A principios de 2006, o xefe da Frikipedia decidiu clausurar o sitio tras unha denuncia da SGAE. Foi aberta de novo en 2007 ata que finalmente o 1 de xaneiro de 2016 foi pechada novamente de forma voluntaria e de maneira definitiva debido ás numerosas denuncias e xuízos pendentes, sumado á imposibilidade de sosterse economicamente.[1]

Vandalismo[editar | editar a fonte]

Debido ao carácter aberto da Frikipedia, padeceu ataques vandálicos como calquera outro sitio baseado en wiki. Por exemplo, adoitaban branquearse páxinas, incluír publicidade doutras webs e escribir groserías, problema que é dos máis facilmente identificables e que adoece dunha solución deficiente (en moitos casos, as entradas manteñen referencias ás groserías que, en lugar de ser borradas, simplemente aparecen tachadas cunha liña horizontal que non impide ler o que din).[2]

Aínda que as políticas seguidas por Frikipedia eran bastante permisivas, os seus administradores eliminaban calquera artigo que non cumprise cos requisitos establecidos e bloqueaban aos usuarios que cometían vandalismo. Isto tamén trouxo o descontento dalgúns usuarios.[Cómpre referencia]

Peche e campaña en apoio á Frikipedia[editar | editar a fonte]

Campaña para reabrir a Frikipedia.

A principios do ano 2006 a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) de España demandou ao responsable de Frikipedia, Vicente Herrera, por «improperios e insultos», pedíndolle entre 9000 e 12 000 euros de indemnización.[3] O 3 de febreiro de 2006 a Frikipedia pechou a súa web por este motivo. Pedro Farré, director de relacións institucionais da SGAE, asegurou que retiraría a demanda «se retira eses contidos de Internet, retráctase e pide desculpas».

Tras o peche da web púxose en marcha unha campaña en apoio á Frikipedia. Ademais, o responsable da Frikipedia abriu unha páxina desde onde recollía pequenos donativos de dous e cinco euros a través do sistema de pagos PayPal coa intención de sufragar os gastos de desprazamento, avogados e unha hipotética pena.[4]

Outra imaxe da campaña de apoio.

Despois dun acordo coa SGAE, Frikipedia abriu de novo o seu sitio o 26 de febreiro pero sen mencionar á entidade nas súas páxinas.[5] Tras o malestar de moitos internautas ante esta medida volveu pechar ás poucas horas.[6][7] Con todo, en xuño de 2006 volveu abrir en modo de probas; e o non pronunciar á SGAE quedou só como medida mentres tiña lugar o proceso.

Doutra banda, algúns dos artigos da Frikipedia foron rescatados desde os cachés de Google e Yahoo!, e levados á Uncyclopedia. Isto produciu un notable aumento da cantidade de artigos na rama en español da Uncyclopedia, o que produciu que se iniciase o proxecto irmán Inciclopedia, cos artigos rescatados, entre eles o da SGAE.[8]

O 8 de novembro de 2007 a Audiencia Nacional de Madrid confirma o fallo que condena ao seu editor Vicente Herrera a pagar 600 euros de indemnización á xestora e ao seu directivo Pedro Farré e as costas xudiciais.[9]

Peche definitivo[editar | editar a fonte]

O 1 de xaneiro de 2016, a Frikipedia anunciou o seu peche definitivo coa seguinte mensaxe: Despois de máis de dez anos de enxeñosas chifladuras dicimos adeus. Os motivos son varios. En primeiro lugar, chegamos a un punto en que quedamos asfixiados de ameazas, demandas e denuncias. O caso máis soado foi, probablemente, o noso litixio coa SGAE; pero ao longo da nosa andaina, sobre todo nos últimos anos, sufrimos denuncias e ameazas practicamente cada semana.[10]

Características[editar | editar a fonte]

Na portada aparecía paradoxalmente a frase «Benvidos á Frikipedia! A enciclopedia que antes molaba». As entradas da Frikipedia adoitaban ser disparates, de pouco ou nulo parecido coa realidade, debido a que era realmente un sitio creado para satirizar e criticar. Non obstante, en ocasións o seu contido podía chegar a ser simpático, pero sempre cómico.

Por exemplo, o artigo sobre Lucifer da Frikipedia aseguraba que «era unha besta de cor sangre que fora causante das maiores calamidades». Outro artigo afirmaba que «a Pepsi está formada por deuterio».

A Frikipedia tamén contaba cun chat público no que todos podían conectarse e falar cos demais usuarios, tamén permitía aos usuarios crear as súas propias enquisas ou votar nas enquisas dos outros usuarios.

Desde 2005 até 2015, esta páxina usouse como o equivalente da Encyclopedia Dramatica debido a que as súas políticas de edición eran completamente permisivas, ademais de dedicarse artigos para países fóra de España, como Arxentina no caso dos Wachiturros e Perú no caso de What dá Faq Show.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2016. Consultado o 28 de marzo de 2016. 
  2. "Lista de usuarios bloqueados de Frikipedia". Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2013. Consultado o 19 de novembro de 2013. 
  3. La SGAE denuncia al responsable de La Frikipedia por una sátira inocente en www.informativos.telecinco.es
  4. "Donativos para La Frikipedia mientras estaba cerrada". Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2011. Consultado o 28 de marzo de 2016. 
  5. "Reabre la Frikipedia... sin la SGAE". www.elmundo.es. Consultado o 18 de novembro de 2013. 
  6. "Frikipedia, el trofeo de la SGAE". bandaancha.eu. Consultado o 18 de novembro de 2013. 
  7. "La Frikipedia vuelve a abrir". barrapunto.com. Consultado o 18 de novembro de 2013. 
  8. Artículo SGAE en la Inciclopedia
  9. "Sentencia en firme contra la ‘Frikipedia’ por atentar contra el honor de la SGAE". www.publico.es. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2010. Consultado o 18 de novembro de 2013. 
  10. El Equipo de la Frikipedia. "Despedida y cierre". La Frikipedia. Arquivado dende o orixinal o 2 de xaneiro de 2016. Consultado o 2 de xaneiro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]