Saltar ao contido

Estetoscopio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Fonendoscopio»)
Fonendoscopio

Un estetoscopio é un aparello acústico que se emprega en medicina e veterinaria para oír os sons internos do corpo, humano ou animal. Emprégase xeralmente na auscultación dos ruídos cardíacos ou respiratorios, mais tamén para considerar ruídos intestinais ou soplos por fluxos anómalos sanguíneos nas arterias e veas. Os estetocopios modernos que amplifican o son, denominados fonendoscopios[1], constan dun diafragma receptor, en contacto co corpo, que transmite as vibracións ao aire que contén unha campaíña que comunica con cada oído por medio dun ou dous tubos de goma que rematan cada un nunha peza metálica que encaixa no oído do examinador e que actúa de auricular.

Estetoscopio de Laennec realizado en madeira, cara a 1820
Estetoscopios do século XIX
Estetoscopio biauricular utilizado en obstetricia en 1915

Segundo a tradición,[2] o estetoscopio inventouno o doutor René Laennec o 17 de febreiro de 1816 en Francia. Consistía nun simple atado de papeis enrodelados que lle permitían escoitar os sons do corpo sen ter que achegar a orella aos peitos da doente. A primeira descrición escrita realizouna o 8 de marzo de 1817. Laennec construíu posteriormente varios modelos en madeira. Pierre Piorry mellorou o aparello cara a 1830 ao construír un adaptador en marfil do lado auricular e un plexímetro en contacto co corpo.[3] En 1840 Golding Bird realizou a primeira descrición dun estetoscopio cun tubo flexible que liga o pavillón ao auscultador, mais o modelo ríxido persistiu aínda durante ducias de anos. O estetocopio biauricular comezou a se construír en 1851. Arthur Leared utilizou un tubo de caucho que se demostrou fráxil e en 1852 George Cammann empregou tubos metálicos. Contra 1870 apareceron os estetocopios diferenciais, dous pavillóns, montado cada un nun tubo e conectado á unha orella. Rappaport e Sprague deseñaron un novo estetoscopio na década de 1940, que se converteu no estándar, con dous tubos, un para o sistema respiratoiro e outro para o cardiovascular. En 1961, o doutor David Littmann creou o estetoscopio contemporáneo cun dobre pavillón reversible, máis lixeiro e dun só tubo.

  1. Escotet Suárez, María Consuelo (1999). Experimentos de física: investigación científica en secundaria. Madrid: Narcea. p. 127. ISBN 8427712863. 
  2. Grellet, Isabelle; Kruse, Caroline (1983). Histoires de la tuberculose: Les fièvres de l`âme, 1800-1940. Ramsay. p. 23. 
  3. Gedeon, Andras (2007). Science and Technology in Medicine: An Illustrated Account Based on Ninety-Nine Landmark Publications from Five Centurie. Springer. p. 173. ISBN 9780387278759.