Fermín Zelada Varela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaFermín Zelada Varela
Biografía
Nacemento21 de decembro de 1873 Editar o valor em Wikidata
Cariño, España Editar o valor em Wikidata
Morte21 de xullo de 1971 Editar o valor em Wikidata (97 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Alcalde de Ferrol
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónfarmacéutico , político Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosFermín Zelada de Andrés Editar o valor em Wikidata

Fermín Zelada Varela, nado en Cariño (daquela concello de Ortigueira) o 21 de decembro de 1873 e finado en Santiago de Compostela o 21 de xullo de 1971, foi un farmacéutico e político galego.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu pai, Fermín José Zelada, natural de Ferrol, era farmacéutico (tería farmacia alí cando menos a partir de 1880), e ao tempo copropietario dunha importante factoría de salgadura de peixe en Cariño, onde vivían os seus pais na tempada da costeira da sardiña, entre xuño e xaneiro, polo que a súa infancia alternou entre as dúas vilas[2].

Estudou na facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela. O seu expediente de grao de licenciado en Farmacia acadouno no curso 1893-1894[3]. Un dos seus condiscípulos foi Pascual Torres Crego, que estableceu unha farmacia en Ortigueira en 1895. En 1904 trasladou o seu expediente académico á Universidade Central de Madrid, para facer a tese de doutoramento. O título de Doutor en Farmacia leva data do 25 de outubro de 1905.

Desempeñou o cargo de Subdelegado de Farmacia no partido xudicial de Ferrol e de Ortigueira durante varias décadas. En 1930 foi designado profesor axudante de clases prácticas na facultade de Farmacia da USC, naquel momento instalada no pazo de Fonseca. Dende 1935 foi tamén auxiliar temporal de Botánica Descritiva e Materia Farmacéutica Vexetal. En agosto de 1936, semanas despois do golpe de Estado, participou na creación do Laboratorio de Farmacia Militar, que preparou medicamentos e material de curas para o exército franquista.

Carreira política[editar | editar a fonte]

En Ferrol foi presidente da Juventud Conservadora e concelleiro entre 1909 e 1911. Por Real Orde do Goberno Civil foi designado alcalde de Ferrol en decembro de 1913[4] en substitución de Emilio Antón Iboleón, e presentou a súa dimisión en xullo de 1915[5].

Despois de 1936 foi designado membro da Comisión Xestora da Corporación Municipal de Santiago de Compostela. Ocupou o posto de tenente de alcalde de Fomento (urbanismo), chegando a ser Alcalde accidental en 1940, cando se publicou un Bando anunciando a exposición pública do Proxecto de Zona da Residencia Universitaria —hoxe campus Sur da USC—, obra do arquitecto Jenaro de la Fuente.


Predecesor:
Emilio Antón Iboleón
 
Alcalde de Ferrol
 
1913 - 1915
Sucesor:
José Fraga de Castro

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Pouco despois de rematar a carreira, en 1895, casou con Milagros de Andrés Moreno Lamas, natural de Santiago. Con ela tivo seis fillos: María del Milagro, Socorro, María Teresa, Fermín, María Victoria e Matilde. O seu único fillo varón, Fermín Zelada de Andrés Moreno, chegou a ser gobernador civil de Las Palmas e presidente do Banco Exterior de España.

Viviu en Ferrol ata 1929, ano no que se trasladou á súa residencia de Santiago, ao iniciar o seu fillo Fermín a carreira de Dereito.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Necrolóxica en ABC, 22-7-1971.
  2. Torres Bouza, Xosé María (2015). "Fermín Zelada Varela, un cariñés farmacéutico, alcalde de Ferrol e alcalde accidental de Santiago". TERRAS DO ORTEGAL, revista de estudios locais. (2): 183–200. 
  3. AHUS. Expediente académico persoal do alumno Fermín Zelada Varela. Nº 1.614/14
  4. Coruña, La Vanguardia, 31-12-1913.
  5. El Diario de Pontevedra, 15-7-1915, p. 2.