Falla de Viveiro
A falla de Viveiro é unha falla normal formada durante a oroxénese herciniana ou varisca que separa as zonas Asturoccidental-Leonesa e Centroibérica do macizo Ibérico. Iníciase na costa cantábrica na zona de Viveiro e prolóngase cara ao sur uns 142 km ata acabar na serra do Courel.[1]
Algúns autores considerárona un acabalgamento[2][3] polas diferenzas litoestratigráficas tan grandes das dúas zonas que separa, pero a opinión máis común é que se trata dunha falla normal con certo desgarre.[4] Separa dous dominios tectoestratigráficos diferentes e dúas zonas metamórficas distintas, ambas as dúas de alto grao de metamorfismo, como son o domo de Lugo (ao leste con materiais precámbricos e cámbricos) e o antiforme do Barqueiro (ao oeste co gneis ollo de sapo, Ordovícico, Silúrico). Entre ambos os domos hai un sinclinal de material silúrico en cuxo flanco oriental se desenvolveu a falla de Viveiro.[1]
O dominio do manto de Mondoñedo é o bloque levantado da falla, formado por materiais precámbrico e cámbricos e o granito de San Cibrán, mentres que a parte occidental é a afundida. Nos arredores de Guntín a falla presena unha zona de cizallamento de 2 km de anchura cun movemento do bloque teito cara ao oeste.[5] O salto vertical mínimo estimado da falla é de 5,5 km. Os datos xeocronolóxicos indican que a falla estivo activa entre os 298±5 e os 289,5±1,5 Ma, pero a súa actividade global limitouse entre os 314±2 Ma, como límite máis vello posible para o comezo da súa actividade e o período comprendido entre os 289,5±1,5 e c. 269 Ma para o cesamento da súa actividade.[6]
A falla de Viveiro e o acabalgamento do manto de Mondoñedo teñen orixe distinta. Mentres que o acabalgamento se produciu cando o manto se desprazou ao leste (con compresión oeste-leste), a falla prodúcese por un colapso cara ao oeste e corta o acabalgamento. O sinforme situado entre o domo de Lugo e o antiforme do Barqueiro foi comprimido lateralmente polos esforzos hercinianos (F3), en consecuencia queda esmagado e cos flancos estirados e finalmente a charneira do sinforme afúndese, formándose a falla. Ao mesmo tempo, o bloque sofre un escape lateral ao NNE favorecido polas fallas de Viveiro e de Valdoviño, que actúan como fallas de desgarre. O sinforme intermedio quedou pinzado entre a falla de Viveiro e o antiforme do ollo de sapo.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 J. Fernández García. Sobre el origen de la falla de Viveiro y su evolución respecto al macizo hercínico (Prov. de Lugo). Geogaceta, 20 (4), 1996. [1]
- ↑ A. Marcos Las series del Paleozoico inferior y la estrutura hercíniana del occidente de Asturias (NO de España). Trabajos de Geología. 6. 113 páxinas (1973).
- ↑ J. R. Martínez Catalán, F. González Lodeiro, I. Iglesias Ponce de León, M.-A. Díaz Balda. Studia Geologica XII (1977). Páxinas 109-122. Universidade de Salamanca.
- ↑ J. R. Martínez Catralán. Tese de doutoramento. Universidade de Salamanca. 317 páxinas (1981)
- ↑ M. A. López Sánches. Estudio geológico de la falla de Viveiro y estructuras asociadas en la región de Guntín (Lugo, NO de la península Ibérica). Trabajos de Geología. Universidade de Oviedo. 27: 97-157 (2007). [2]
- ↑ Marco A. López-Sánchez. Análisis tectónico de la falla de Vivero (Galicia - NO de España). Tese de doutoramento. Universidade de Oviedo. [3]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- J. Gómez Barreiro (2012) Guía Geológica del manto de Mondoñedo