Euscaldún

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Chámase euscaldún ou euscalduna[1] (do éuscaro euskaldun ou euskalduna) a quen fala a lingua éuscara. Etimoloxicamente conxuga a palabra euskara co sufixo -dun (en galego "que o ten"). Polo tanto, aquela persoa que sexa quen de falar o éuscaro é euscaldún (euskaldun), sexa cal sexa a súa orixe. En Iparralde e en Navarra tamén se emprega a variante eskualdun. En zonas de Zuberoa, o termo üskualdün emprégase só para os falantes do dialecto suletino, mentres que ós demais falantes de éuscaro chámanos manex.

A quen fala o éuscaro como lingua materna chámaselle euskaldun zahar (literalmente, "vascofalante vello"), mentres que os que o aprenden como segunda lingua son denominados euskaldun berri ("vascofalante novo").

Nun senso máis amplo, en éuscaro tamén se ten utilizado o termo euskaldun para facer referencia ós nados no País Vasco, independentemente de que saiban ou empreguen habitualmente a lingua.[2] Neste caso, é máis preciso o termo euskal herritar ("cidadán vasco").

Por oposición, tamén existe a forma erdaldun ou erdeldun, que fai alusión ó falante dun idioma diferente do éuscaro, habitualmente o castelán e o francés. A lingua que non é éuscaro, calquera que sexa, é nomeada como erdara, que se podería traducir como "lingua vida" (de erdu, "vir", e -era, "xeito/maneira") ou ben como "case lingua", (de erdi, "case, medio" e -era, "xeito/maneira"). Polo tanto, o falante de erdara sería o erdaldun.[3]

Notas[editar | editar a fonte]