Estela de Crecente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estela de Crecente.

A estela de Crecente é unha estela romana atopada na parroquia de San Pedro de Mera, no concello de Lugo.[1] É moi notábel polo relevo da súa parte superior. Nel figuran catro persoas vestidas á maneira romana, esculpidas cunha técnica de resabios clásicos, relativamente infrecuente na escultura galaicorromana que se conserva. É unha estela funeraria, e na inscrición do piso intermedio, que fai referencia á tribo dos celtas supertamarcos.

APANA AMBOLLI F(ilia) CELTICA SVPERTAM(ARICA) MIOBRI AN(Norum) XXV H(ic) S(ita) E(st) APANVS FR(ater) F(aciendum) C(uravit)
Apana, filla de Ambolo, Celtica Supertamárica, do Castro de Miobri. Morta aos 25 anos. Aquí está enterrada. Apano, o seu irmán, mandou erixir este dedicatoria.

Achado e conservación[editar | editar a fonte]

A estela de Crecente atopouse en 1996, cando se realizaban obras de canalización na parroquia. Por tanto, desde o punto de vista arqueolóxico, é unha obra descontextualizada.

Gárdase no Museo Provincial de Lugo. O seu estado de conservación é notablemente bo: pódese ler a inscrición con facilidade e apreciar as formas das figuras, se ben teñen o rostro lixeiramente danado.

Descrición[editar | editar a fonte]

A estela de Crecente elaborouse en granito. Ten forma de prisma, de gran tamaño: 280 × 71 × 20 cm.

Como é habitual nas estelas, só se traballa a cara frontal. Esta cara frontal ten tres rexistros. O rexistro inferior desbastouse para facilitar que a estela se fincase no chan. O rexistro superior ten o remate redondeado. Acolle unha fornela cun relevo onde aparecen catro persoas vestidas con prendas romanas: túnicas de manga curta que se prenden do seu ombro dereito. Se admitimos que se trata dunha familia, o pai estaría de pé, xunto de dúas mulleres sentadas. Unha delas leva no colo un neno. As mulleres e o neno visten cadanseu colar. O neno, ademais, leva na man dereita un aro e na esquerda unha pelota.

No rexistro intermedio da cara frontal está a epígrafe, en que se fai referencia á defunta a quen se adica a peza: Apana, da cohorte dos célticos supertamarcos, filla de Ambolo. A peza está dedicada polo seu irmán, Apano. A onomástica revela que se trataba de persoas de orixe indíxena.

Desde o punto de vista artístico, as figuras están esculpidas en baixorrelevo dos ombros para abaixo. Porén as súas cabezas están moi resaltadas, de maneira que a do pai xa forma case unha escultura exenta. A factura da peza é de boa calidade en comparanza con outros exemplos de estelas atopadas na área da antiga Gallaecia. A forma dos rostros, o debuxo dos cabelos ou as pregaduras dos mantos responden a modelos clásicos. A estela carece tamén das decoracións astrais (trísceles, rosáceas, cruces...) que presentan habitualmente as estelas galaicorromanas, o que reforza o seu carácter clásico.

Cabería a hipótese de que a peza fose esculpida nun obradoiro de cantería lugués, ao longo do século I d.C. Con todo a falta de rexistro arqueolóxico fai que sexa moi difícil datar a peza. González García e Barja de Quiroga, por exemplo, prefiren situar a súa labra arredor do ano 100. En calquera caso, admitindo a hipótese de que se trata dun grupo familiar, sería o máis antigo retrato conservado dunha familia galaicorromana.

Como xa se indicou, as personaxes visten á romana. O pai está togado, o que podería indicar a súa condición de cidadán romano. Con todo, resulta moi improbábel que un galaico do seu tempo accedese á cidadanía romana. González García e Barja de Quiroga apuntan que se trata do desexo de emular as elites imperiais, imitando os seus modos de vestir e as imaxes funerarias.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alcorta Irastorza, Enrique. "ESTELA FUNERARIA DE CRECENTE". redemuseisticalugo.org. Consultado o 27 de maio de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]