Estatua de Dioniso e Ampelos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Estatua de fronte.

A estatua de Dioniso e Ampelos é unha escultura de vulto redondo realizada en mármore branco moi degradado que representa ao deus grego Dioniso ebrio asistido polo sátiro Ampelos, tema mitolóxico derivado de modelos gregos. Trátase dunha peza única dentro da plástica romana galega, polo material empregado e polo seu estilo clasicista. Atopouse no castro da Muradella, en Mourazos (Verín). Datada no século III d.C., consérvase no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Historia[editar | editar a fonte]

Detalle.

Atopouse no Castro da Muradella, no que eran evidentes os signos de romanización con ampla presenza de ímbrices, tellas e ladrillos, ademais de fragmentos doutra escultura, no contexto dunha villa datada no século III. A escultura sería un elemento decorativo dunha das estancias desta vivenda.

A valoración do lugar do achado é de moito interese xa que representa a evidencia da existencia, nun ambiente totalmente rural, de xentes con coñecementos e gustos pola Cultura clásica, ben fosen xentes foráneas ou ben nativos cun alto grado de romanización.

Forma parte dos fondos do museo desde o 4 de abril de 1964, data do seu depósito.

Descrición[editar | editar a fonte]

Parte traseira.

A peza chegou ata os nosos días moi erosionada por causa da humidade do ambiente no que estivo soterrada.

O grupo escultórico representa dúas figuras masculinas núas. Considérase que representa unha escena onde un Dioniso ebrio é asistido polo sátiro Ampelos (a vide), tema mitolóxico derivado de modelos helenísticos e moi difundido.

A Dioniso - Baco, a figura de maior tamaño, fáltalle a cabeza e o brazo dereito desde pouco máis abaixo do ombro. O seu contorno describe un lixeiro S[1], transmitindo a sensación dun indolente abandono e que xunto cun suave rimo de liñas, o esbozo dos pectorais e o pequeno avultamento do órgano sexual enchen a figura de sensualidade.

Descansa o corpo sobre a perna esquerda presentando a dereita un pouco adiantada e lixeiramente flexionada, coa cadeira de acentuada curvatura. Apoia case sen forzas o seu brazo esquerdo no ombro esquerdo de Ampelos.

Ampelos, ao mesmo tempo que ergue a cabeza en actitude vixiante, cingue por detrás co seu brazo dereito a Baco apoiando a súa man aberta nas súas costas procurando manter o equilibrio do deus.

Ambas as figuras conseguen a estabilidade apoiándose nun groso tronco pegado a perna esquerda do deus o sobre o que senta en descarada pose o sátiro.

Interpretacións[editar | editar a fonte]

Antonio García Bellido defende que se trata dunha interpretación dun modelo de bronce, en base á presenza do tronco que obriga a forzar a posición do sátiro, e inspirado nun relevo ou pintura como resultas do estudo do xeito de resolver a parte traseira do conxunto.

En base a estas hipóteses Balil sostén que non estamos en presenza dunha obra pertencente á arte culta senón ante un exemplar dalgún taller da provincia de Hispania e que chegou a Galicia como peza importada a través do intercambio comercial.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Que lembra a actitude do Apollo Lykeios de Praxíteles.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]