Estación do Oeste de Oslo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Fachada principal da Estación do Oeste

A Estación do Oeste de Oslo, en noruegués Oslo Vestbanestasjonen e frecuentemente abreviada en Vestbanen, é unha antiga estación de ferrocarril de Oslo, construída en 1872 e que estivo en funcionamento ata 1989, como estación terminal da liña de Drammen.

Historia[editar | editar a fonte]

A Estación do Oeste contra 1890. Obra do pintor noruegués Christian Christiansen (1825-1894)

Inaugurouse o 7 de outubro de 1872 como estación de Christiania que cambiou en 1882 para Christiania Vestbanestasjonen e de novo o 1 de abril de 1905 para Kristiania Vestbanestasjonen para adaptala ao novo nome da cidade e xa o 1 de xaneiro de 1925 á súa forma definitiva co novo nome da cidade: Oslo Vestbanestasjonen. Oslo tiña dúas estacións, esta e a máis grande, a do Leste de Oslo, as dúas servían a liña de Drammen e non estaban conectadas directamente entre si para o tráfico de viaxeiros, só por unha liña, que tamén conectaba co porto, na que se comezou a traballar en 1899[1] e que se inaugurou en 1907 dun só rail que cruzaba as rúas da cidade e só era apta para o tráfico de carga.

Na Segunda Guerra Mundial durante a ocupación alemá un grupo da resistencia comunista norueguesa, o Osvald-gruppen, colocou maletas con bombas tanto na Estación do Oeste como na do Leste con motivo da volta ás súas poboacións de centos de colaboracionistas que chegaran a Oslo con motivo das cerimonias que se desonvolveran na capital norueguesa tras a designación polos alemáns de Vidkun Quisling como primeiro ministro. O atentado non causou mortos e só pretendía asustar os colaboracionistas. Considérase a primeira acción significativa de sabotaxe na Noruega ocupada[2].

En 1938 comezaron a se elaborar formalmente plans para construír unha estación central e un túnel que conectase a liña de Drammen a Oslo, que non se aprobaron ata 1968. O túnel de Oslo abriu o 1 de xuño de 1980 e levou ao peche da Estación do Oeste en 1989.

Edificio da estación local da Estación do Oeste

Edificios[editar | editar a fonte]

O edifico principal da estación deseñouno o arquitecto Georg Andreas Bull nun estilo italianizante e construído como un edificio en ladrillo con revocadura. A fachada que dá á praza do Concello está flanqueada por dúas torres baixas e as portas e as fiestras presentan unha forma arqueada. Dende 2005 o edificio alberga o Centro do Nobel da Paz, ademais de ter parte do inmoble usos comerciais.

Un segundo edificio, coñecido como estación local (Lokalstasjonen) e máis pequeno que o principal, data de 1918-1920 e é obra do arquitecto Ivar Næss[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Oslo byleksikon Oslo: Kunnskapsforlaget. 1987
  2. Borgersrud, Lars (1997). Nødvendig innsats : sabotørene som skapte den aktive motstanden. Oslo: Universitetsforlaget, pp 216-218
  3. "Oslo Vestbanestasjon" Store norske leksikon