Escudo de Vigo
O escudo da cidade de Vigo atópase regulado por un acordo do seu Concello aprobado o 7 de abril de 1987. A descrición do escudo tal e como aparece na norma que o regula é a seguinte:
En campo azul claro, un castelo de base cadrada rematado nunha torre ameada, todo en ouro, na porta baixa unha porta con arco de medio punto, dúas fiestras cadradas no corpo medio e dúas troneiras, tamén cadradas na torriña superior. Na banda esquerda do castelo hai unha oliveira de sinople con tronco marrón. Todo nun cotarelo sobor dun mar de seis franxas ondeantes de azul mariño.Unha bordura de goles separada por unha pequena fita branca.
No timbre, coroa real fechada en ouro.
Unha fita de divisa en prata e como lema “Fiel, Leal, Valerosa e Sempre Benéfica Cidade de Vigo”, en negro.
O acordo sanciona a presenza do castelanismo valeroso no lema da cidade, no canto de valoroso, forma propia do galego e o portugués.
Historia
[editar | editar a fonte]Historicamente Vigo estivo suxeita á xurisdición da Igrexa compostelá. Esta circunstancia explica que no escudo máis antigo da vila do que se ten constancia figurase, xunta un castelo, unha vieira xacobea. Finalizada a Guerra da Independencia, cando Vigo xa deixara de pertencer a unha xurisdición eclesiástica, decidiuse substituír a vieira por unha oliveira, xa que xunto á igrexa colexial da vila (Colexiata de Santa María de Vigo) existía un exemplar desta especie que foi considerado emblemático. De aí que no novo continente Vigo se coñecese como “a vila da oliveira”. Realmente era moi común plantar á beira das igrexas galegas teixos ou oliveiras (árbores perennifolias) con función ornamental e como símbolo de vida eterna; tradición que tamén existe en Asturias e nas illas británicas). Dende aquela no escudo da cidade de Vigo figurou un castelo arrodeado por unha coroa formada por dúas pólas de oliveira. Esta oliveira representa a vitoria e a fortuna, e foi tan representativa que Vigo chegou a coñecerse como a cidade olívica, aínda que non sexa esta unha árbore autóctona.
Versión actual
[editar | editar a fonte]A versión actual do escudo reproduce o que adornaba a fonte de Neptuno que estivo situada noutrora na Porta do Sol. En 1917 Marcelino Domínguez Elías, cronista da cidade, expuxo no Boletín da Real Academia Galega a conveniencia de establecer como modelo oficial do escudo a versión que continúa a estar vixente na actualidade (véxase imaxe).
É frecuente que no escudo non figuren o bordo, a fita branca, nin a divisa malia que a norma que o regula establece o seu uso.
Fontes
[editar | editar a fonte]- O escudo, Concello de Vigo, Concello de Vigo. Consultado o 29 de maio de 2010 e o 8 de abril de 2014.
- A Bandeira de Vigo, descrición da bandeira e escudo de Vigo. Bandeira galega. Consultado o 29 de maio de 2010.