Saltar ao contido

Eminescu (cráter)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Accidente xeográfico extraterrestreEminescu

Editar o valor en Wikidata
Datos xerais
Tipocráter de impacto Editar o valor en Wikidata
Corpo astronómicoMercurio Editar o valor en Wikidata
EpónimoMihai Eminescu Editar o valor en Wikidata
Datos xeográficos
Coordenadas10°47′N 245°52′O / 10.79, -245.87 Editar o valor en Wikidata
Diámetro129 km Editar o valor en Wikidata
Cuadrángulocuadrángulo Eminescu Editar o valor en Wikidata
Localización
mapa non dispoñible: mercurio
Identificadores
GoPN14388 Editar o valor en Wikidata

Eminescu é un cráter de impacto cun pico central anular, que está situado no hemisferio norte do planeta Mercurio, o cráter ten uns 125 km de diámetro. Xa que hai moi poucos cráteres superpostos sobre el, Eminescu semella ser un cráter novo formado hai preto de mil millóns de anos.[1] Este cráter posúe unha morfoloxía a medio camiño entre as morfoloxías que posúen cráteres moi complexos, coma o Raditladi, e as morfoloxías de cráteres máis pequenos cun simple pico central.[2]

O material espelido e as cadeas concéntricas ó redor do cráter esténdense cara a fora nunha lonxitude igual ó radio deste, partindo dende o propio bordo do cráter, e sendo esta área de maior altitude cás chairas de cráteres circundantes. As paredes interiores do cráter están degradadas polos derrubes, formando bloques ben definidos de material. O chan do cráter está composto por estruturas complexas, incluíndo depósitos de material espelido, materiais fundidos e posiblemente rochas colocadas polo vulcanismo efusivo.[2]

Os picos centrais de azul brillante (en cores falsas) do interior do cráter están dispostos en círculo, formando un pico en anel.[1] Os cumes presentan propiedades de cor pouco comúns, semellantes ás dos depósitos brillantes que se poden ver nos chans doutros cráteres de Mercurio. O chan do cráter, tanto dentro como fóra do pico en anel, está cuberto por suaves chairas escuras, que parecen cercalo. Estas chairas son probablemente de orixe volcánica. Ademais dende o pico en anel ata preto das paredes do cráter, hai áreas cubertas por un material brillante. Estas á súa vez están subdivididas en chairas suaves brillantes no ángulo nordeste de Eminescu, cubrindo esa área de manchas e terreos accidentados. Estas manchas brillantes poderían estar producidas por pequenos impactos que fundiron o material adxacente.[2]

O cráter recibiu o seu nome en honra a Mihai Eminescu, poeta romanés (1850–1889).[3]

  1. 1,0 1,1 NASA, ed. (17-04-2008). "PIA10610: Now Introducing: Eminescu". Consultado o 15-06-2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Schon; S.C.; Head, J.W.; Prockter, L.M.; MESSENGER Science Team (2010). "Eminescu and the transition to peak-ring basins on Mercury". 41st Lunar and Planetary Science Conference: 1263. Bibcode:2010LPI....41.1263S. 
  3. USGS Astrogeology (ed.). "Planetary Names: Crater, craters: Eminescu on Mercury". Gazetteer of Planetary Nomenclature. Consultado o 15-06-2013.