Eduardo Valencia Fernández
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1901 ![]() Ourense, España ![]() |
Morte | febreiro de 1969 ![]() Ourense, España ![]() |
![]() | |
14 de maio de 1952 – 29 de marzo de 1954 – Leoncio Areal Herrera → Lexislatura: IV lexislatura das Cortes franquistas | |
![]() | |
13 de maio de 1949 – 5 de abril de 1952 Lexislatura: III lexislatura das Cortes franquistas | |
![]() | |
16 de xaneiro de 1948 – 6 de abril de 1949 ← Alfredo Serantes Morais Lexislatura: II lexislatura das Cortes franquistas | |
![]() | |
1948 – 1954 ← Alfredo Serantes Morais – Leoncio Areal Herrera → | |
![]() | |
1941 – 1941 ← Enrique González Anta – Eduardo Olano Fernández → ![]() | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid ![]() |
Ocupación | farmacéutico, político ![]() |
![]() |
Eduardo Valencia Fernández, nado en Ourense en 1901 e finado na mesma cidade en febreiro de 1969, foi un farmacéutico e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Carlos Valencia. Estudou farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, compaxinando a súa profesión coa de funcionario da Delegación de Industria, colexiándose tardiamente.
Coa aparición do semanario El Fascio en 1933, empezou a sentirse atraído pola liña política do periódico, contribuíndo á súa difusión malia a suspensión gobernativa da que foi obxecto e pola que foi multado con 500 pesetas en maio do mesmo ano xunto con Alfonso Abeijón Veloso, propietario e comerciante vinculado ao calvosotelismo, ao non poder demostrar que nada tiñan que ver coa recepción da propaganda fascista.
En xuño dese mesmo ano, firmou, como parte dun "grupo de fascistas orensanos", un panfleto confeccionado polo xornalista e escritor Emilio Canda Pérez en Ribadavia e distribuído sen incidentes aparentes. En agosto participou na considerada reunión fundacional do núcleo protofalanxista ourensán celebrada na casa reitoral do párroco de Santiago das Caldas (Concello de Canedo) Germán Fernández Román, xunto co médico Elías Mario Palao Martialay, o sarxento retirado de Enxeñeiros de Ferrocarrís Francisco Rodríguez Hoyos, Alfonso Abeijón e outros varios sacerdotes e señores que, segundo recoñecera o propio Valencia, resultábanlle descoñecidos e que permaneceron na sombra durante a existencia da organización. Porén, o grupo de Valencia carecía de toda estrutura orgánica e movíase practicamente na clandestinidade, como proba o feito de que non se atrevera sequera a organizar a súa propia tertulia no popular Café Roma. En realidade, durante os meses que precederon á unificación de Falange Española e as JONS, semella que o grupo ourensán non levou a cabo ningunha actividade pública de certo relevo. A repartición de propaganda apenas transcendeu o estreito ámbito formado por familares e amigos. Isto explica por que non estiveron presentes no acto fundacional de Falange Española, no Teatro da Comedia, o 29 de outubro de 1933, aínda que se adherciron a el por medio dun telegrama publicado en La Nación e pouco despois Julio Ruiz de Alda afiliou de forma oficial a todo o grupo ourensán.
Co gallo da fusión de Falange Española e as JONS en febreiro de 1934, Valencia foi confirmado na xefatura falanxista ourensana e outorgóuselle a categoría de "afiliado-fundador" con nº 185 dos 500 designados por José Antonio Primo de Rivera. Da súa escasa actividade pública naqueles momentos queda a súa participación nunha convocatoria dos fascistas de Galicia en Santiago de Compostela, á que aistiu acompañado do empregado de banca Ricardo Martín Esperanza, alias "Caíto"; Ángel Barrios e Adolfo Villar.
Os escasos avances na captación de novos militantes, que contaban 35 en marzo de 1934, poñían de manifesto a reducida actividade amosada polo grupo, o cal non tardou en xerar malestar co proceder de Valencia entre algúns afiliados. Para dinamizalo, e a imitación da estrutura de mando coa que funcionaba a organización desde a súa constitución, decidiuse, por aclamación, o nomeamento dun triunvirato local nunha reunión celebrada a mediados de ano nunha finca do barrio da Ponte propiedade de Alfonso Abeijón coñecida como La Tapada. O triunvirato estaba formado polo propio Valencia, designado "triunviro-xefe"; Ricardo Martín Esperanza e Francisco Rodríguez. Porén, unha vez pasado o entusiasmo inicial polos cambios, o certo é que a actividade foi esmorecendo pouco a pouco durante o verán.[1]
Foi Xefe de Prensa e Propaganda de Falange Española de las JONS en Ourense.[2] Alcalde da mesma cidade en dous períodos (1941 e 1948–1954), dimitiu do seu cargo a finais de marzo de 1954.[3] Foi procurador nas Cortes Españolas.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en 1945 con Asunción ("Chon") Fernández-Román y Quevedo na capela do Santo Anxo da Fundación Santamarina-Temes, cuxa creadora, a marquesa da Atalaya Bermeja Ángela Santamarina Alduncín, asistiu como invitada entre outras personalidades e autoridades[4].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Prada Rodríguez, Julio (2023). El fascismo en Galicia. De los orígenes al Decreto de Unificación. Madrid: Centro de Estudios Políticos y Constitucionales. ISBN 978-84-259-1981-7.
- ↑ Meleiro, Fernando (1957). Anecdotario de la Falange de Orense. Madrid: Ediciones del Movimiento. pp. 12 e 23.
- ↑ La Región, 26-3-1954, p. 1
- ↑ "Boda de la encantadora Chon Román". La Región. 14/10/2020. Consultado o 08/03/2025.
Predecesor: Enrique González Anta |
![]() Alcalde de Ourense 1941 |
Sucesor: Eduardo Olano Fernández |
Predecesor: Alfredo Serantes Morais |
![]() Alcalde de Ourense 1948 – 1954 |
Sucesor: Leoncio Areal Herrera |