Douglas Y1B-7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Douglas Y1B-7
Tipobombardeiro/observación
FabricanteDouglas Aircraft Company
Primeiro voo1931
Principais usuariosCorpo Aéreo do Exército dos Estados Unidos
Produción1932
Unidades construídas14

O Douglas Y1B-7 foi un bombardeiro estadounidense da década de 1930. Foi o primeiro monoplano dos Estados Unidos que recibiu a designación B- de "bomber". O monoplano era máis práctico e menos caro que o biplano, e o Corpo Aéreo do Exército dos Estados Unidos optou por experimentar con monoplanos por este motivo. No momento no que se ordenou o XB-7, Douglas Aircraft estaba a probalo como avión de observación.

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

En 1929-1930 a Douglas Aircraft Company deseñou un novo monoplano bimotor de observación para competir co Fokker XO-27, do cal o Corpo Aéreo do Exército dos Estados Unidos pedira dous prototipos en xullo de 1929, xa que a compañía temía que o avanzado Fokker ameazaría o rol de Douglas como principal subministrador de avións de observación para o Corpo Aéreo. As propostas de Douglas fixeron que o Corpo Aéreo realizase un pedido por dous prototipos, o XO-35 e o XO-36, o 26 de marzo de 1930. Os dous avións diferenciábanse só nos motores, co XO-35 equipado con Curtiss V-1570-29 Conqueror, mentres que o XO-36 usaba V-1570-23 de tracción directa, producindo 600 cabalos cada un deles.[1][2]

O deseño de Douglas tiña ás de gaivota montadas na parte superior da fuselaxe, estando os motores suspendidos en góndolas aerodinámicas baixo as ás mediante puntais. Instalouse un tren de aterraxe de cola retráctil, coas rodas principais reatraíndose nas góndolas do motor. A fuselaxe era unha estrutura semi-monocasco con recubrimento de duraluminio ondulado, albergando aos seus catro tripulantes: artilleiro de morro/observador, un piloto que tiña a cabina por diante do bordo de ataque da á, un artillero superior que estaba sentado nunha cabina na popa da á, e un operador de radio dentro da fuselaxe. O seu armamento eran dúas metralladoras de calibre .30.[1][2]

O rendemento previsto dos novos avións de observación bimotores de Douglas e Fokker era moito maior que o dos biplanos de Keystone Aircraft (os Keystone B-3, B-4, B-5 e B-6) que equiparon os escuadróns de bombardeiros lixeiros do Corpo Aéreo, e tanto Fokker como Douglas recibiron instrucións para completar un dos seus prototipos como bombardeiro, sendo o XO-36 redesignado como XB-7, con capacidade para transportar ata 540 kg de bombas en soportes engadidos baixo a fuselaxe.[3]

O XO-36 realizou o seu primeiro voo na fábrica de Douglas en Santa Monica, California, na primavera de 1931.[4] O 22 de agosto de 1931 o Corpo Aéreo realizou un pedido por un pequeno lote de avións de proba en servizo, formado por sete bombardeiros Y1B-7 e cinco avións de observación Y1O-35. Estes diferenciábanse dos prototipos ao ter un recubrimento da fuselaxe máis suave, en vez de levar o recubrimento ondulado, e ao ser esta 280 mm máis longa para axustar o centro de gravidade do avión. Instalouse un sistema de combustible revisado, con máis combustible transportado para conseguir a autonomía de dúas horas especificada polo Corpo Aéreo. Instaláronse motores Conqueror máis potentes, e todas as aeronaves usaban motores con engrenaxes como se usaban no XO-35.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Pelletier Air Enthusiast marzo/abril de 2002, pp. 30, 32
  2. 2,0 2,1 Francillon 1979, pp. 135-136
  3. 3,0 3,1 Pelletier Air Enthusiast marzo/abril de 2002, p. 32
  4. Francillon 1979, p. 137

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Francillon, René J. McDonnell Douglas Aircraft since 1920. Londres: Putnam, 1979. ISBN 0-370-00050-1.