Dereitos indíxenas
Os dereitos dos indíxenas son aqueles dereitos colectivos que existen como recoñecemento á condición específica dos pobos autóctonos. Os mesmos inclúen non só os dereitos humanos máis básicos á vida e integridade, senón tamén os dereitos sobre o seu territorio, lingua, cultura, relixión e outros elementos que forman parte da súa identidade como pobo. O termo pode ser empregado como unha expresión de reclamo por organizacións sociais ou ser parte de leis nacionais que estabelecen a relación entre un goberno e o dereito de autodeterminación dos pobos autóctonos que viven dentro das súas fronteiras, ou en dereito internacional como unha protección contra accións violatorias por parte de gobernos ou de grupos con intereses privados.
Definición e antecedentes históricos
[editar | editar a fonte]Os dereitos dos pobos indíxenas son aqueles que pertencen ós poboadores orixinarios dun territorio que foi invadido e colonizado por forasteiros.[1][2][3][4] É discutible exactamente quen forma parte da poboación indíxena, pero pode ser amplamente entendido en relación ó colonialismo.
Fálase dos pobos indíxenas en relación ás sociedades pre-coloniais que se enfrontaron á ameaza específica do fenómeno da ocupación, e a relación que tiveron estas sociedades coas potencias coloniais. Foi difícil formular unha definición que abranguese todos os pobos que se autoidentifican como indíxenas e son aceptados como tales polos demais pobos indíxenas, así, a definición exacta de quen son os pobos indíxenas, e o consecuente estado dos titulares de dereitos, pode resultar demasiado ampla ou moi restrinxida e excluínte.[5]
No contexto dos modernos pobos indíxenas dos poderes coloniais europeos, o recoñecemento dos dereitos indíxenas remóntase, polo menos ó período do Renacemento. Xunto coa xustificación do colonialismo cun propósito máis elevado, tanto para os colonos e colonizados, algunhas voces expresaron a súa preocupación pola forma en que os pobos indíxenas foron tratados e o efecto que tivo sobre a súa sociedade.[6]
En xeral, constátase que os pobos indíxenas sufriron inxustizas históricas por seren desposuídos dos seus territorios, terras e recursos e que en moitas partes do mundo non poden gozar dos dereitos humanos fundamentais no mesmo grao que o resto da poboación dos estados en que viven. Ademais, as súas leis, valores, costumes e perspectivas sufriron a miúdo unha erosión e son discriminados pola súa lingua, pola cor da súa pel, pola súa situación económica ou polas súas formas de pensar diferentes.
A cuestión dos dereitos dos indíxenas asóciase tamén con outros niveis da loita humana. Debido á estreita relación entre a situación dos pobos indíxenas culturais e económicas e os seus valores ambientais, as cuestións de dereitos indíxenas vincúlanse coa preocupación polo dano ambiental, o cambio climático e o desenvolvemento sustentable.[7][8][9] De acordo con científicos e con organizacións ambientalistas, como a Fundación Selva, a loita dos pobos indíxenas é fundamental para resolver o problema da redución de emisións de carbono, e enfrontar as ameazas á diversidade cultural e á biodiversidade.[10][11][12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Human Rights in Development Yearbook 2003: Human Rights and Local/living Law. Martinus Nijhoff Publishers. ISBN 9004138765.
- ↑ Indigenous Rights and Development: Self-Determination in an Amazonian Community. Berghahn Books. 1997. ISBN 1571818375.
- ↑ European Conquest and the Rights of Indigenous Peoples: The Moral Backwardness of International Society. Cambridge University Press. 2003. ISBN 0521824710.
- ↑ Law & Anthropology: "Indigenous Peoples, Constitutional States And Treaties Of Other Constructive Arrangements Between Indigenous Peoples And States". Brill Academic Publishers. ISBN 9004142444.
- ↑ "Copia archivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 20 de marzo de 2018.
- ↑ Indigenous Peoples in International Law. Oxford University Press. 1995. ISBN 0195173503.
- ↑ "Rights of Indigenous People". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 20 de marzo de 2018.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2015. Consultado o 20 de marzo de 2018.
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de xuño de 2010. Consultado o 20 de marzo de 2018.
- ↑ "Indigenous Rights Crucial To Reducing Carbon Emissions from Deforestation". Consultado o 20 de marzo de 2018.
- ↑ Conservation through cultural survival: indigenous peoples and protected areas. Island Press. 1997. ISBN 1559634499.
- ↑ United Nations, State of The World's Indigenous Peoples – UNPFII report, First Issue, 2009