Cota láctea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A cota láctea foi unha normativa da Unión Europea, entón Comunidade Económica Europea, imposta en 1984 para limitar e controlar a produción de leite xa que as autoridades comunitarias interviñan mercando leite cando había sobreprodución ou os prezos eran baixos. Nas súas orixes o obxectivo era limitar o gasto público e controlar a produción, estabilizando os prezos e ingresos dos gandeiros. Tamén axudou a manter a actividade leiteira en rexións menos competitivas dos países europeos que tiñan garantido uns prezos fixos e unha produción.

O plan era manter estas limitacións durante cinco ano, finalmente duraría trinta anos, ata o 31 de marzo de 2015.[1] En Galiza había 150 000 explotacións lácteas, en 2007 eran 15 300 e en 2018 o número de explotacións baixou a 7 700.[2]

A cota láctea en Galiza[editar | editar a fonte]

O inicio da cota láctea en Galiza supuxo unha limitación á produción leiteira. Primeiramente os produtores declararon a súa capacidade de produciren leite e foi limitado tanto o número de explotacións como a produción total. A desconfianza dos gandeiros fixo que moitos declarasen capacidades de produción menores, xa que temían que estes datos se empregasen para subir impostos. Incentivouse o peche das explotacións menos competitivas. Pequenos produtores con poucas vacas ou pouca capacidade. Estas limitacións supuxeron peches pero fixeron que outras explotacións fosen máis rendibles ata chegar a aumentar a produción. Este aumento de produción podía supoñer sancións por parte da Comunidade Europea e levou a que algúns produtores abandonasen as súas explotacións vendendo os seus dereitos para producir leite, que eran mercados por outras explotacións. Esta limitación na produción fixo que as empresas mercasen leite de fóra de Galiza que nalgúns casos se vendía como galego. O mercado español tiña un consumo de 9 millóns de toneladas de leite e a produción total era de 6,1 millóns de toneladas, 2,2 millóns de toneladas producidas en Galiza. Este mercado de cotas de leite tamén supuxo unha especulación no sector facendo que os pequenos produtores non puidesen ampliar cota chegando a ter que vender parte da súa produción á marxe dos circuítos legais e a prezos fóra do mercado, o que se coñecía como "leite negro."

En 2014 o Ministerio de Agricultura español calculou en Galiza que máis de 128 000 toneladas de produción superaban a cota láctea, o que implicaba unha multa de preto de 36 millóns de euros. As novas contas deixaban a sanción en 2,2 millóns de euros.[3]

En 2015 chegou a fin da cota láctea, o que supuxo a liberalización do mercado levando ao peche explotacións pequenas xa sen cota que lles garantía a venda da súa produción a un prezo fixo. As máis grandes e rendibles ao carecer xa desta limitación puideron medrar aumentando produción.

Notas[editar | editar a fonte]