Conversa usuario:Akhran

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Boas noites Akhran. Vexo que estás traducindo artigos da es:wiki e quería comentar un par de cousas. Convén que escollas naqueles temas nos que controles o suficiente para poder xulgar se a información orixinal é fiable, á vez que tamén hai que confirmar na rede ou na biblioteca o que di o artigo orixinal. Sabes que unha das chatas de Wikipedia é a fiabilidade dos artigos e na es:wiki parecen ter un problema serio na verificación dos contidos. Non se trata só dun exercicio de tradución (e de facelo ben, claro: apoiado se cadra nun tradutor pero revisando con tento o resultado): traducir ben é importante, naturalmente, pero non suficiente. Se o contido que vertes na Galipedia é incorrecto no artigo orixinal e ti non detectas os erros, mellor é seguir sen tal artigo na Galipedia. Moitos prefirimos coidar máis o contido dos artigos que medrar en número: calidade vs cantidade.

Outro tema delicado é a neutralidade da información. Como sabes, un dos piares que temos que velar na Galipedia é que a información vertida nos artigos sexa neutral, obxectiva, e iso implica, sobre todo nos artigos que estás a traducir, engadi-la versión "da outra parte", non só a "dos nosos". Nestes casos de cuestións discutibles e discutidas, o artigo ten que contar coas dúas opcións, a favor e en contra. Tamén, como sabes, hai que dar referencias pero esas referencias non as pode dar a parte interesada. Hai que buscar noutras fontes máis obxectivas. Pensa nisto e intenta obxectiviza-los artigos sen actuar por simpatías cara un lado. Simpatías que todos temos pero que non é este o sitio de expresalas. O caso do artigo sobre a caza de focas é un claro exemplo de información non neutral. Espero que me entendas. Saúdos e ata sempre. Pedro --Lameiro (conversa) 23:44, 26 decembro 2009 (UTC)