Conversa Wikipedia:Votacións/Nomes científicos como entrada

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Situación actual[editar a fonte]

Neste momento temos –sen face-las contas- unha ampla maioría de entradas co nome común. Basta con ver en Category:Zooloxía ou Category:Botánica e abrir calquera das súas subcategorías. Tamén temos moitas entradas co nome científico, algunhas como artigo principal e outras que redireccionan ó nome común.

Á vez, aparecen dispersas en distintas categorías nomes científicos mesturados cos comúns. Por exemplo, na Category:Aves temos, como subcategorías, Alcidae, Anatidae, Haematopodidae, Laridae, Oriolidae, Paridae e Picidae, e como artigos: Corcoracidae e Polioptilinae. Pasa o mesmo na Category:peixes: Zoarcidae (xunto a Acipensérido) ou Category:Plantas: Tecophilaeaceae (pero Aristoloquiáceas). O caso da Category:Fungos é especial: 22 nomes científicos e ningún común, pero é que probablemente estes fungos non teñan nin nome común.

Vantaxes do sistema proposto[editar a fonte]

  • Seguir un criterio na identificación das especies e taxóns máis científico –enciclopédico-, racional e estable.
  • Darlle coherencia ó sistema de entradas e de escolla dos títulos. O sistema actual non é coherente.
  • O nome común, entendido como patrimonio lingüístico galego que cómpre defender, non se perde nin se minusvalora: no desenvolvemento do texto do artigo utilizaríase sempre o nome común.
  • En calquera dicionario, enciclopedia ou similar, cada entrada debe corresponder univocamente a un significado (ou sepáranse con acepcións numeradas). Utilizando o sistema proposto, asegurámo-la ausencia de confusión entre título e contido do artigo: moitas veces, un mesmo nome común corresponde a animais/plantas diferentes, pero, pola contra, un nome científico identifica sempre un único ser vivo.
  • Hai casos nos que resulta conflitivo decidir cal é o nome común estándar que mereza se-lo título do artigo principal (e ó que se redireccione o resto das entradas). Quérese dicir que o adxectivo “común” neste caso non é sempre tan común. O nome común para un paxaro, un peixe, unha árbore, no Salnés pode ser distinto –e seguramente o é- do nome común en Ourense. Utilizando o nome científico non existe tal problema.
  • Hai moitas especies de plantas e animais que carecen de nome común (ou non se pode considerar “común” o nome que se lles dá nas guías ó uso). Este problema tamén desaparece utilizando o nome científico.
  • Este sistema non representa ningún problema engadido ó usuario da Galipedia (editor ou visitante), xa que accede sen dificultade á información que busque sen necesidade de ter que coñece-los nomes científicos.

Inconvenientes[editar a fonte]

  • Tódalas entradas nas que se utiliza o nome común deberán ser redireccionadas á vez que se crea o artigo coa nova entrada que utilice o nome científico. Simultaneamente, hai que move-las súas páxinas de discusión.
  • En moitos dos artigos xa existentes haberá que cambiar tamén a categorización. Por exemplo: burro non pode estar na categoría Équidos, senón Equidae, nin balea en Cetáceos, senón en Cetacea.
  • Van ser necesarias páxinas de homónimos, pero xa o son hoxe.
  • Tódalas novas entradas que se vaian creando deberán prever estas redireccións: se un organismo ten varios nomes comúns haberá que crear outras tantas entradas que redireccionen ó artigo principal. En calquera caso, este “inconveniente” xa o temos co sistema actual.
  • Os nomes científicos non son invariables. Hai casos nos que, co paso do tempo, novas evidencias obrigan a reclasificar un organismo nun taxón distinto ou darlle un novo nome científico. Isto fai que na literatura técnica poidan atoparse distintos nomes para un mesmo organismo. Teriamos que establecer unha fonte fiable da que toma-lo nome “definitivo”.
  • Hai organismos nos que vai ser difícil establece-lo nome científico: os híbridos; por exemplo o caso de mula. Tamén teremos esta dificultade nas entradas que describan razas de animais: por exemplo, os casos das razas vacúas (ver Category:Vacas), do can de palleiro, da galiña de Mos, etc.

Todo isto pretende indicar que quen defende esta proposta é consciente de que facelo así vai representar moito traballo, moito cambio e moito ir de páxina en páxina. Pero aínda así segue convencido de que é a mellor opción. Temos moitos seres vivos na Galipedia pero quedan moitísimos máis que meter. Canto antes emendemos o erro inicial, mellor.

Nota: simultaneamente cómpre defini-los criterios para establece-la grafía a seguir na escrita dos nomes científicos no texto dos artigos, pero isto é outra votación.