Condado de Ribadeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O condado de Ribadeo é un título nobiliario galego, creado no século XIV polo rei Henrique II de Castela.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1369, logo da guerra polo trono entre Pedro I o Cruel e Henrique de Trastámara, a vila de Ribadeo, pasou de estar baixo protección real a ser un condado. O 20 de decembro de 1369, o francés Pedro Le Vesque de Vilaines (Pierre de Villaines, ou Pierre le Begue, segundo outras fontes, compañeiro de Bertrand du Guesclin) recibiu o condado de Ribadeo de mans de Henrique II como pago polos seus servizos.

Ao pouco tempo, vendeu o condado a Rui López Davalos, Condestable de Castela, que se converteu no II conde de Ribadeo e que caeu en desgraza ante o novo rei Xoán II, o cal se viu na obriga, a falta de descendencia por parte do conde, de dividi-lo condado (outra versión indica que sinxelamente, pola caída en desgraza, o condado reverteu na Coroa).

En 1431 Xoán II volveuno a conceder no seu conxunto a Rodrigo de Villandrando. O título levou posteriormente parello o comer co Rei o día de Epifanía e levar o traxe que puxese o Rei ese día, como consecuencia de que o conde librara ao Rei de caer en mans do Infante don Henrique.

A comezo da idade moderna, cara a 1500 Ribadeo aparece en definitiva baixo o dominio particular dos seus condes, no que atinxe ó seu goberno, e dende o punto de vista económico da vila encontrábase estreitamente vinculada á economía do océano Atlántico, grazas ás exportacións de madeira en dirección a Sevilla e Lisboa, a construción de naos e á emigración cara a Sevilla e as Indias.

Despois dunha sucesión de condes, o condado seguiu unificado ata que co casamento de Rodrigo de Silva e Sarmiento de Villandrando e a III dona da familia de Híjar, incorporouse, no canto o título o condado da Casa de Híjar até 1877, cando chega ó XXIV conde de Ribadeo e XVI duque de Híjar, Afonso de Silva y Fernández de Córdoba (Alfonso de Silva y Campbell). Trala súa morte en 1955, pasou á Casa de Alba. A herdeira foi a súa neta Cayetana Fitz-James Stuart, XXV condesa de Ribadeo, quen o cedeu en 2013 ó seu fillo Alfonso Martínez de Irujo, XXVI conde de Ribadeo[1].

Outros títulos nobiliarios relacionados con Ribadeo[editar | editar a fonte]

O 25 de xuño de 2002 o Rei Xoán Carlos I de España concedeulle o título de "Marqués de la Ría de Ribadeo con Grandeza de España" a Leopoldo Calvo-Sotelo.

Notas[editar | editar a fonte]