Complemento de réxime

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O complemento de réxime, tamén chamado complemento de réxime preposicional ou mesmo, na terminoloxía de Emilio Alarcos Llorach, o suplemento, é un sintagma preposicional seleccionado pola semántica dun verbo específico, e non é complemento circunstancial, directo, indirecto, axente nin atributo. A preposición que o introduce pode ser calquera, ata a. Recoñécese porque é conmutable ou substituíble por dita preposición máis pronome tónico:

  • Conto con Luís = Conto con el.
  • Acórdome de Pedro = Acórdome del.
  • O can coida da casa = O can coida dela.
  • Pregunto por Luísa = Pregunto por ela.
  • Falan da natureza = Falan dela (ou diso)

Existen dous tipos de complemento de réxime, o directo e o indirecto. Cando se dá o directo, non aparece complemento directo (casos anteriores); cando se dá o complemento de réxime indirecto, si aparece complemento directo; é máis, non pode suprimirse o complemento directo porque entón a frase queda "coxa":

  • O camareiro limpa de cabichas (CRI) o chan (CD)
  • O camareiro limpa de cabichas... (non ten sentido)

O morfema se pode actuar como intransitivizador de verbos; cando iso ocorre, o verbo, no canto de ter complementos directos, pasa a ter complementos de réxime:

  • Pedro encontra patacas (CD)
  • Pedro encóntrase entre os mellores (CR).