Saltar ao contido

Compañía Catalá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Entrada de Roger de Flor en Constantinopla - José Moreno Carbonero (1860-1942)

A Compañía Catalá ( Exercitus francorum , Societas exercitus catalanorum , Societas cathalanorum , Magna Societas Catalanorum ) foi unha compañía de mercenarios creada en 1303 por Roger de Flor e formada na súa maioría por almogáveres de Aragón e cataláns veteranos da guerra de Sicilia.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A Compañía pasou a estar formada por uns 6.500 almogáveres e foi contratada en 1303 polo emperador Andrónico II Paleólogo para loitar contra os turcos otománs que ameazaban o Imperio Romano de Oriente en Anatolia. En 1305, despois de dous anos de campañas vitoriosas contra os turcos, o fillo do emperador ordenou o asasinato de Roger de Flor e o exterminio da Compañía; mais, a pesar de perder o seu líder e un gran número das súas tropas, a Compañía sobreviviu e fíxose forte na rexión de Tracia, dende onde declarou a guerra ao Imperio Romano de Oriente na chamada Vinganza Catalá. Durante dous anos a hoste almogáver entregouse a unha guerra de devastación e desolación do territorio bizantino. A Compañía viviu entón un período de enfrontamento interno provocado por disputas sobre o liderado e os intereses das potencias estranxeiras para facerse co control. Tras este período, a Compañía abandonou Tracia e trasladouse a Grecia onde foi contratada polo duque de Atenas; ao rematar o servizo, non quixo pagarlles o que acordaran, e a Compañía declaroulle a guerra ao duque, que foi derrotado. A Compañía tomou o control do Ducado de Atenas, ampliando máis tarde os seus dominios a Neopatria, onde se estableceron como señores feudais. Ambos os ducados permaneceron en mans da Compañía durante aproximadamente un século.

Notas[editar | editar a fonte]