Coidemos Lugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logo Coidemos Lugo
Logo Coidemos Lugo

Coidemos Lugo é un movemento social lucense adicado a promover o amor, o coidado e a valorización do patrimonio, do medio ambiente e dos espazos públicos en xeral. Naceu de xeito espontáneo en agosto do ano 2020[1] con 25 persoas fundadoras, e en pouco tempo involucrou a centos de persoas[2] nas súas accións de limpeza e a milleiros de persoas a través das redes sociais.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira acción de Coidemos Lugo, no barrio do Carme
A primeira acción de Coidemos Lugo, no barrio do Carme

O movemento social Coidemos Lugo naceu no mes de agosto do 2020. Nun paseo guiado do turismólogo e docente universitario Guido Álvarez Parga[3], o grupo de participantes e el atoparon no lucense barrio do Carme un vertedoiro ilegal e os resultados de diversos actos vandálicos que esnaquizaran muros centenarios deste barrio histórico de Lugo. Indignados por este panorama, os participantes animaron a Guido a compartir nas redes sociais esta situación, e a convocar dalgún xeito que a sociedade se unise para crear un movemento que contrarrestase este tipo de actos. Ao pouco sumouse o deportista Salva Arco[4], daquela xogador profesional de baloncesto e capitán do Club Baloncesto Breogán (agora responsable da área social deste club deportivo). En poucos días convocouse unha primeira acción de limpeza, estreáronse contas nas redes sociais, e o 28 de agosto do 2020 considérase a acta fundacional de Coidemos Lugo. Dende entón, cada mes convocan unha acción de limpeza en distintos barrios de Lugo, dan charlas en diversos centros educativos (colexios, institutos, universidades) e colaboran con outros colectivos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lugo, El Progreso de (2021-08-13). "Limpando o que outros tiran". El Progreso de Lugo. Consultado o 2021-11-28. 
  2. Lugo, El Progreso de (2021-10-25). "Coidemos Lugo reúne a un centenar de personas en A Ponte". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2021-11-28. 
  3. Diario, Nós. "Guido Álvarez: "Coidemos Lugo nace coa vontade de atender o noso patrimonio en comunidade"". Nós Diario. Consultado o 2021-11-28. 
  4. Redacción (2020-09-24). "'Coidemos Lugo', o movemento que busca o compromiso dos lucenses coa súa cidade". Lugo Xornal. Consultado o 2021-11-28.