Saltar ao contido

Clima de Europa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Clima en Europa segundo a clasificación climática de Köppen.

O clima de Europa acolle diferentes conxuntos ben diferenciados, con rexións intermedias entre eles.

Características

[editar | editar a fonte]

As masas de auga (o océano Atlántico e a Corrente do Golfo que corre por el e polos mares adxacentes) moderan o clima da parte occidental de Europa, conformando unha rexión caracterizada polos seus invernos suaves e veráns suaves, e unha pluviosidade elevada.

Nos países da zona mediterránea coma España, Italia ou Grecia, as temperaturas son máis calorosas, por atoparse ó sur do continente e bañadas por un mar de menor tamaño, tendo tamén unha temperatura relativamente uniforme ó longo do ano debido á presenza do mar Mediterráneo.

No interior de Europa, o efecto moderador do mar desaparece, aumentando o efecto de oscilación térmica anual en función da distancia ás grandes masas de auga, e así os países ó leste de Polonia experimentan condicións climáticas moito máis frías e secas.

Os ventos dominantes a nivel xeral son do suroeste, con masas de aire que proveñen do Atlántico a latitudes máis baixas e que polo tanto son cálidas e húmidas, e do nordeste, que trae aire da zona de Siberia, máis seco e frío.