Clementine
Clementine | |
---|---|
Representación de Clementine cos paneis solares despregados. | |
Tipo | Sonda lunar e asteroidail / demostrador tecnolóxico |
Organización | NASA / BMDO |
Contratistas principais | Naval Research Laboratory |
Data de lanzamento | 25 de xaneiro de 1994, 16:34 GMT[1][2][3][4] |
Foguete portador | Titan II SLV[2][5] |
Sitio de lanzamento | Base Vandenberg da Forza Aérea[2][3][5][6] |
Obxectivo da misión | Estudo da Lúa e do asteroide 1620 Geographos e proba de novos sensores.[2][3][5] |
NSSDC ID | 1994-004A |
Masa | 227 kg (424 kg con propelente)[2][5][6] |
Dimensións | Prisma octogonal de 1,88 metros de alto e 1,44 metros de ancho.[2] |
Potencia | 360 vatios[2] |
Baterías | batería de níquel-hidróxeno cunha capacidade de 15 amperios-hora.[2] |
Clementine foi unha sonda espacial da NASA en colaboración coa BMDO lanzada o 25 de xaneiro de 1994 mediante un foguete Titan II SLV desde a Base Vandenberg da Forza Aérea para o estudo da Lúa e para probar novos sensores e compoñentes expostos ó espazo. No seu momento supuxo a primeira misión estadounidense á Lúa en 25 anos.[1][2][5][6]
Características
[editar | editar a fonte]Clementine foi un proxecto da NASA e a Ballistic Missile Defense Organization para probar novos sensores e compoñentes para naves espaciais e para facer observacións científicas da Lúa e do asteroide 1620 Geographos. As observacións do asteroide non puideron ter lugar debido ao fallo do ordeador da nave o 17 de maio de 1994. As observacións da Lúa incluíron 1,6 millóns de fotografías en varias lonxitudes de onda no visible, no ultravioleta e no infravermello, altimetría mediante láser, gravimetría e medicións de partículas cargadas.[2]
A nave tiña forma de prisma octogonal de 1,88 metros de alto e 1,44 metros de ancho con dous paneis solares saíndo de lados opostos do octógono. Nun extremo do prisma situábase a antena de alta ganancia de 1,1 m que transmitía en banda S a unha velocidade de ata 128 kbps e no outro extremo atopábase o motor de 489 N de impulso. As aperturas para tódolos sensores localizábanse nunha das caras do octógono, a 90 graos dos paneis solares e protexidos por un cobertor. A propulsión da sonda estaba composta por un sistema de control de actitude alimentado con hidracina e un sistema de propulsión principal bipropelente para manobras no espazo alimentado con tetróxido de nitróxeno e monometil hidracina. O control de actitude era levado a cabo por 12 pequenos propulsores, con dúas cámaras seguidoras de estrelas e dúas unidades de guiado inercial proporcionando a información de posición.[2][6]
Clementine estabilizábase nos tres eixos unha vez en órbita lunar mediante volantes de inercia cunha precisión de 0,05 graos no control de actitude e 0,03 graos na determinación da posición. Os paneis solares, de arseniuro de galio e xermanio, alimentaban unha batería de hidruro de níquel cunha capacidade de 15 amperios-hora. O control e comando a bordo corría a cargo dun procesador MIL-STD-1750A. Os datos podíanse gardar a bordo nunha grabadora de estado sólido de 2 Gbit de capacidade.[2][6]
Instrumentos
[editar | editar a fonte]Clementine levaba a bordo sete experimentos, que conformaban unha carga útil de 8 kg, consumindo 68 vatios:[2]
- Unha cámara para o visible e o ultravioleta.
- Unha cámara para o infravermello próximo.
- Unha cámara para o infravermello remoto.
- Unha cámara de alta resolución.
- Dúas cámaras seguidoras de estrelas.
- Un altímetro láser.
- Un telescopio de partículas cargadas.
Perfil da misión
[editar | editar a fonte]A misión de Clementine tivo lugar en dúas fases. Despois do lanzamento fixo dous sobrevoos da Terra antes da inserción en órbita lunar, desde a cal cartografiou a superficie durante dous meses, despois dos cales partiu de novo cara a Terra, á que sobrevoou outras dúas veces antes de dirixirse cara ao asteroide Geographos, chegando tres meses máis tarde pero non sendo capaz de facer observacións debido a un problema do ordenador de a bordo que provocou que a sonda xirase sobre si mesma a 80 r.p.m. Despois do fallo a nave foi posta nunha órbita xeocéntrica, facéndoa pasar a través dos cintos de Van Allen para probar os seus compoñentes. A misión rematou en xuño de 1994, ao baixar a enerxía por debaixo do punto no que a telemetría era comprensible.[2][6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "CLEMENTINE 1 (DSPSE)" (en inglés). Consultado o 18 de maio de 2012.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 NASA (14 de maio de 2012). "Clementine" (en inglés). Consultado o 18 de maio de 2012.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Note verbale dated 8 June 1994 from the Permanent Representative of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (94-24327(E)). 9 de xuño de 1994: 11. Consultado o 18 de maio de 2012.
- ↑ Claude Lafleur (2019). "Clementine 1 / DSPSE" (en inglés). Consultado o 29 de xaneiro de 2019.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2012). Gunter's Space Page, ed. "Clementine (DSPSE)" (en inglés). Consultado o 18 de maio de 2012.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Mark Wade (2011). "Clementine" (en inglés). Consultado o 18 de maio de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Clementine |