Cinto de seguridade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cinto de seguridade dun automóbil Lincoln Town Car.

O cinto de seguridade ou cinto de seguranza é un arnés deseñado para suxeitar e manter no seu asento a un ocupante dun vehículo se ocorre un accidente. Estes cintos comezaron a utilizarse en aeronaves na década de 1930, e actualmente o seu uso en automóbiles é obrigatorio en moitos países. O cinto de seguridade está considerado como o sistema de seguridade pasiva máis efectivo xamais inventado, incluído o coxín de seguridade, a carrozaría deformábel ou calquera adianto técnico de hoxe en día.

Os cintos de seguridade fabrícanse con tea forte e teñen como obxectivo que os pasaxeiros non sexan lanzados dos seus asentos ao producirse un accidente.[1] Nos avións úsanse para evitar que o pasaxeiro saia expedido do asento no intre da engalaxe e aterraxe, aínda que nos voos domésticos adoita permanecer abrochado durante todo o traxecto.

Actualmente os cintos de seguridade posúen tensores que aseguran o corpo no intre do impacto mediante un resorte ou unha explosión (tensor pirotécnico). O cinto débese colocar o máis pegado posíbel ao corpo, plano e sen nós ou dobreces. Os pilotos de competición levan os arneses bastante apertados, pero non se considera necesario nun coche de rúa.

O cinto das cadeiras debe estar situado por diante das cristas ilíacas, os ósos que sobresaen nas cadeiras. Isto é para que suxeite ao corpo contra un óso duro e non contra o abdome brando. No caso das mulleres embarazadas, véndese un accesorio para asegurarse de que o cinto fica debaixo do abdome. Engánchase entre as pernas á banda da cintura e por debaixo do asento.

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro rexistro de utilización de cintos de seguridade nun automóbil data de finais da década de 1940, cando en 1948 o empresario estadounidense Preston Tucker intentou revolucionar o sistema de seguridade do automóbil (e en si todo o estándar de produción vehículos), ao presentar o cinto de seguridade como unha opción para solucionar as mortes por accidentes viarios ocorridas pola falta deste elemento. Esta innovación foi presentada no único modelo que chegou a producir, o Tucker 48. Para iso, Tucker baseouse no sistema de seguridade dos avións de combate da segunda guerra mundial. Malia lograr o seu labor de producir un pequeno stock de 50 unidades do seu coche, unha serie de trabas impostas por organismos que regulaban a industria estadounidense do automóbil fixeron pechar a súa fábrica e con iso, a idea de produción en masa deste coche. Malia iso, Tucker lograra o seu labor de inserir a temática da seguridade dos ocupantes, á hora de desenvolver e fabricar un automóbil. Ademais dos cintos de seguridade, o Tucker '48 presentaba elementos de seguridade considerados de avanzada para a súa época, como é o uso de vidros laminados e defensas acolchadas no cadro de mandos.[2]

A idea de Tucker foi reciclada en 1956, cando Ford presentou o cinto de seguridade como opción de equipamento, dentro do paquete de seguridade SafeGuard. Robert McNamara foi o directivo de Ford que impulsou a montaxe dos cintos, así como outras medidas de seguridade tales como os cadros de mandos acolchados. Un relato destes feitos recóllese no documental The Fog of War.

O primeiro cinto de seguridade montado de serie como equipamento estándar en vehículos de produción masiva montouse no Volvo Amazon de 1959. Este vehículo xa montaba un cinto de tres puntos.

Foi o enxeñeiro de Volvo Nils Bohlin quen inventou e patentou o cinto de tres puntos, que se convertería na norma practicamente universal para automóbiles de rúa. Volvo liberou a patente, para que todos os demais fabricantes puidesen copiar o deseño.

Outras melloras posteriores:

  • Introdución do carrete inercial, que permite desenrolar o cinto no caso de movementos lentos, pero bloquéao no caso de movementos bruscos.
  • Introdución dos pretensores pirotécnicos, que axustan o cinto en caso de colisión mediante a enerxía liberada por unha pequena carga explosiva. Tamén houbo pretensores mecánicos (sistema Procon-ten).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García Valls, Desiderio; Casas Rabano, Ignacio; Ruiz Carrasco, Juan Vicente; Buchon i Tomás, Joan-Carles. Vocabulari d'automoció. Valencia: Conselleria de Cultura, Educació i Ciència (Generalitat Valenciana), 1986, p. 74. ISBN 8475791417.
  2. El sistema de seguridad más efectivo de la historia: así se creó el cinturón de seguridad (14-11-2015). Diariomotor.com.