A Cessna 172 Skyhawk é unha avioneta monomotor de catro asentos fabricada por Cessna Aircraft Company. Realizou o seu primeiro voo en 1955 e aínda está en produción, sendo o modelo de avión con máis unidades fabricadas da historia.[1]
Medindo a súa lonxevidade e popularidade, a Cessna 172 é o avión máis exitoso da historia. Cessna entregou o primeiro exemplar de produción en 1956 e cara 2015 a compañía e os seus asociados fabricaran máis de 43 000 unidades.[2]
O Cessna 172 xurdiu como unha variante con tren de triciclo do Cessna 170. En xaneiro de 1955 Cessna voou unha versión mellorada do Cessna 170, un 170C con motor Continental O-300-A, elevadores máis grandes e unha deriva máis angulosa.[3] Aínda que a variante foi probada e certificada Cessna decidiu modificala cun tren de aterraxe en triciclo, e o 170C modificado voou novamente o 12 de xuño de 1955.[3] Para reducir o tempo e custos de certificación, o tipo foi engadido ao certificado do Cessna 170 como o Model 172.[3] Posteriormente a Cessna 172 tería o seu propio certificado.[4][5] A 172 converteuse rapidamente nun éxito de vendas e en 1956, o seu primeiro ano de produción, fabricáronse ao redor de 1 400.[6]
As primeiras 172 eran semellantes en aparencia ás 170, coa mesma fuselaxe traseira e as súas altas pernas do tren de aterraxe, aínda que a 172 tiña unha cola recta mentres que na 170 a deriva e os estabilizadores eran redondeados. En 1960 a 172A incorporou un tren de aterraxe revisado e unha cola cun ángulo cara a atrás que aínda se segue usando a día de hoxe.
O desenvolvemento estético final, atopado na 172D de 1963 e en todos os modelos posteriores, era unha cuberta traseira máis baixa que permitía unha fiestra na popa da cabina. Cessna publicitou esa visibilidade traseira engadida como "Omni-Visión".[7] [13]
A súa fabricación detívose a mediados da década dos 80, pero reanudouse en 1996 co Cessna 172R Skyhawk de 160 cabalos de potencia. Cessna complementou ao 172R co 172S Skyhawk SP de 180 cabalos en 1998.