O paso da lagoa Estixia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Caronte cruzando a lagoa Estixia»)

O paso da lagoa Estixia
ArtistaJoachim Patinir
Data1520
Técnicaóleo sobre táboa
Dimensións64 cm × 103 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

O paso da lagoa Estixia ou Caronte cruzando a lagoa Estixia é quizais a obra máis famosa do pintor flamengo Joachim Patinir. Foi realizada cara ó ano 1520. É un cadro sobre táboa de 64 cm de alto e 103 cm de ancho. Consérvase no Museo do Prado de Madrid, España.

Esta pintura representa o tema clásico relatado por Virxilio na súa Eneida (libro 6, verso 369) e por Dante no Inferno (libro 3, verso 78) no centro do cadro dentro das tradicións cristiás do Xuízo Final e o Ars moriendi.

A figura máis grande da barca é Caronte, quen «pasa as almas dos mortos a través das portas do Hades» (Smith 320). O pasaxeiro na barca, demasiado pequeno para distinguir as súas expresións, é unha alma humana decidindo entre o Ceo, á súa dereita (a esquerda do espectador), ou o Inferno, á súa esquerda. A lagoa Estixia divide a pintura polo centro. É un do catro ríos do mundo subterráneo que pasa pola parte máis profunda do inferno. No lado esquerdo da pintura está a fonte do Paraíso, o manancial do que xorde o río Leteo a través do Ceo: «a auga do Leteo ten o poder de facer que un esqueza o pasado e concede a eterna mocidade» (Battistini 210). No lado dereito da composición está a visión que Patinir ten do Inferno, que se debe amplamente ás influencias do Bosco. Adapta a descrición do Hades, en que, «segundo o escritor grego Pausanias, unha das portas estaba situada no extremo meridional do Peloponeso, nunha enseada aínda visible no cabo Matapan» (Battistini 213). En fronte das portas está Cérbero, un can de tres cabezas, que garda a entrada da porta e asusta a todas as almas potenciais que entran no Hades.

A alma da barca ó final elixe o seu destino mirando cara ao Inferno e ignorando o anxo na beira do río no Paraíso que lle fai acenos para que se achegue ó máis dificultoso carreiro que leva ó Ceo (Devisscher).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Battistini, Matilde. Symbols & Allegories in Art: The Hereafter. Os Ánxeles: The J. Paul Getty Museum, 2005. 210, 212-13.
  • Devisscher, Hans. "Patinir, Joachim" Grove Art Online. Oxford University Press, [acceso 6-9-2007].
  • Smith Chipps, Jeffery. The Northern Renaissance. Phaidon. Arts & Ideas, 2004. 321.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]