Katajjaq

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Canto de gorxa inuit»)
Cantantes tradicionais do canto de gorxa inuit.

O katajjaq ou canto de gorxa inuit é unha práctica cultural típica dos pobos inuit. Caracterízase por ser un canto difónico e lúdico practicado xeralmente por mulleres. É ademais un xogo executado por dúas mulleres en competición que se enfrontan cara a cara. Ten semellanzas co rekuhkara dos ainu, no Xapón.[1]

Terminoloxía[editar | editar a fonte]

Os primeiros europeos que escoitaron ós inuit practicar o katajjaq identificaron estes sons como cantos de gorxa ou cantos guturais. Pola súa banda, os etnomusicólogos Beverley Diamond e Nicole Beaudry preferiron utilizar os termos «xogos vocais» ou «xogos de gorxa» nas súas publicacións, para así pór énfase no aspecto lúdico e non no musical.[2][3] De feito, os inuit non teñen unha palabra equivalente a «música» e é a óptica cultural occidental que xerou confusión en canto ó lugar real que ocupan os xogos de gorxa dentro da cultura inuit. En realidade, a música inuit, tal como a entendemos, baséase esencialmente nas percusións, mentres que os xogos de garganta son practicados en dúos e comportan unha noción de competición con gañadores e perdedores.

Declinacións[editar | editar a fonte]

Aínda que os inuit son un grupo étnico en si, no norte do Canadá existen diferentes subgrupos etnolingüísticos e, polo tanto, varias formas de chamar ó canto de gorxa inuit:

  • Iirngaaq – nalgunhas comunidades de Nunavut;[4]
  • Piqqusiraarniq ou Pirkusirtuk – en Igloolik e a Illa de Baffin;[5]
  • Qiarvaaqtuq – en Arviat;
  • Katajjaq ou Katadjak – en Nunavik e ó sur de Baffin;
  • Nipaquhiit – nalgunhas comunidades de Nunavut.

Historia[editar | editar a fonte]

O katajjaq transmitiuse culturalmente das vellas xeracións ás máis novas sen deixar rexistros escritos que axuden a determinar a orixe exacta desta expresión. Porén, a comezos do século XIX, cos chegada dos europeos ás zonas de caza dos por entón nómades inuit, a práctica xa era parte da tradición nativa. A documentación do katajjaq comeza a realizarse coas descricións feitas por exploradores como William Edward Parry en 1824. En principio, o canto foi asociado a prácticas relixiosas, principalmente por misioneiros cristiáns, que vían nel unha forma de xamanismo ou de animismo.

A principios do século XX e até os anos setenta, por mor da evanxelización, sedentarización e a implantación dun sistema escolar alleo á cultura inuit foise perdendo a tradición. A partir da década dos 70 recuperouse, coa creación de Festivais, o desenvolvemento de estudos antropolóxicos e a aparición de mitos que axudaron a dar un novo auxe a esta tradición.

Intérpretes na cultura popular[editar | editar a fonte]

  • Caroline Novalinga e a súa filla Shina Novalinga acadaron recoñecemento por subir vídeos en TikTok facendo canto de gorxa inuit. Publicaron un álbum xuntas en xuño de 2021.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Goberno de Quebec. "Katajjaniq". Repertorio do Patrimonio cultural de Quebec (en francés). Consultado o 6 de febreiro de 2014. 
  2. Beverley Cavanagh). Canadian Folk Music Journal, ed. Some throat games of Netsilik Eskimo women (en inglés). OCLC 70617061. 
  3. Nicole Beaudry. Le Katajjaq, un jeu inuit traditionnel (en francés). 
  4. "Iirngaaq, Nunavut Arctic College – Interviewing Inuit Elders, Glossary". Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2012. Consultado o 13 de xullo de 2017. 
  5. Nattiez, Jean-Jacques: «The Rekkukara of the Ainu (Japan) and the Katajjaq of the Inuit (Canada) A Comparison» en Le monde de la musique, 25 (2) 1983.
  6. Foden, Stephanie; Balsam, Joel (15 de abril de 2021). "A revival of Indigenous throat singing". BBC. Consultado o 4 de xullo de 2021.