Cadro de Punnett

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadro de Punnet nun cruzamento monohíbrido mendeliano.

O cadro de Punnett é un diagrama que se usa para predicir os resultados dun cruzamento xenético cando se coñecen os xenotipos dos gametos. Recibe ese nome polo xenetista británico Reginald C. Punnett, que o ideou. Con este diagrama podemos saber as probabilidades de que se orixine un descendente cun determinado xenotipo nun cruzamento xenético. O cadro de Punnett é unha táboa na que se obteñen todas as posibles combinacións entre os alelos maternos e paternos de cada xene estudado nun cruzamento con herdanza mendeliana.

Cruzamento monohíbrido[editar | editar a fonte]

O cruzamento monohíbrido é o cruzamento entre dous heterocigotos para un xene (Aa x Aa). No exemplo o xenotipo de ambos os organismos é Ab, polo que tanto o proxenitor materno coma o paterno producirán os gametos A e a na mesma cantidade e coa mesma probabilidade de combinárense cos do outro proxenitor ao chou. Colócanse nas columnas os gametos dun proxenitor e nas ringleiras os do outro proxenitor e nos cadros centrais as combinacións da posible descendencia. Cóntase a probabilidade de cada descendente no total, que neste caso é AA 25% (ou 1/4), Aa 50% (ou 1/2), e aa 25% ou 1/4.[1]

Paterno
A a
Materno A AA Aa
a Aa aa

Cando un dos proxenitores é homocigoto non é necesario repetir unha ringleira ou columna co mesmo gameto. Nun cruzamento Aa x aa, o individuo Aa produciría gametos A e a, pero o individuo aa só produciría gametos a, polo que o cadro quedaría así e as probabilidades da descendencia serían Aa 50% (ou 1/2) e aa 50% (ou 1/2).

Paterno
a
Materno A Aa
a aa

O cadro de Punnett dá as probabilidades dos xenotipos, pero para calcular as dos fenotipos deberemos saber tamén cal é a relación de dominancia entre os alelos. Para xenes clásicos dominantes/recesivos as letras maiúsculas adoitan indicar os fenotipos dominantes, que son os que se expresan enmascarando aos alelos recesivos.

Cruzamento dihíbrido[editar | editar a fonte]

Cruzamento dihíbrido mendeliano.

Cando no cruzamento estudado están implicados dous ou máis xenes o número de ringleiras e columnas do cadro é maior (haberá tantas como gametos distintos). Por exemplo, nun cruzamento dihíbrido entre dous heterocigotos para dous xenes, é dicir, AaBb x AaBb, cada proxenitor producirá catro gametos, que son AB, Ab, aB e ab, polo que o cadro será de 4 x 4, e haberá 16 cadriños no cadro de Punnett. E se hai dominancia de A e B sobre a e b, as combinacións fenotípicas estarán na proporción 9:3:3:1.[1] O cadro de Punnet só se pode aplicar desta manera cando os xenes son independentes (cumpren a lei da distribución independente dos caracteres de Mendel), pero non se son xenes ligados, que se tenden a herdar xuntos por estar no mesmo cromosoma.

Método da árbore[editar | editar a fonte]

Outro modo de resolver cruzamentos de dihíbridos e multihíbridos é o método da árbore, no que se poden saber as probabilidades dos xenotipos que se obterán na descendencia multiplicando as probabilidades para cada xenotipo nos distintos xenes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Strickberger. Genética. 2ª ed. Omega. Páxinas 120, 131. ISBN 84-282-0369-5.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]