Bóveda de aresta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bóveda de aresta, sobre piares.

A bóveda de aresta[1] é o elemento arquitectónico abovedado que se emprega para cubrir espazos cuadrangulares; resulta da intersección de dúas bóvedas de canón, que se cruzan de xeito perpendicular.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Fórmase por dúas superficies semicilíndricas ortogonais cuxas liñas de intersección, ou arestas, son arcos de elipse que se cruzan no vértice superior.

Os enxeñeiros e arquitectos romanos espallárona polo Imperio utilizándoa como alternativa aos sistemas alintelados e as cubertas planas para espazos pequenos.

Mantida durante a alta idade media pola súa facilidade de construción, convértese nun dos sistemas máis estendidos da arte románica. Salvo notables excepcións -Santa Madalena de Vezelay, no Camiño francés de peregrinación a Santiago- o seu desenvolvemento circunscríbese ás naves laterais e ás cubertas da tribuna. As grandes igrexas de peregrinación a Santiago como a de Santa Fe de Conques, San Martiño de Tours, San Sernin de Tolosa ou a propia Igrexa catedral de Santiago de Compostela son excelentes exemplos do seu desenvolvemento técnico.

Abandonada pola bóveda de crucería no Gótico, recupérase con nova forza e brío construtivo no Renacemento, sobre todo no Quattrocento italiano onde Brunelleschi é firme defensor das súas posibilidades construtivas e decorativas. O Barroco compatibilízaa con outras cubricións ata que a modernidade e as súas novas solucións arquitectónicas relégana ao carácter de solución artesanal tradicional.

Bóveda de aresta nervada[editar | editar a fonte]

Unha bóveda de aresta nervada é a bóveda de aresta que ten nervios ou arcos de reforzo nos puntos de intersección das dúas bóvedas[2].

Imaxes[editar | editar a fonte]

Bóveda de aresta vista dende abaixo. En letra grosa Arris (Aresta en inglés)
Bóveda de aresta vista dende arriba.
Bóveda de aresta.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009
  2. Proposta de definición do Servizo de Normalización Lingüística da USC

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]