Saltar ao contido

Bárbara Gómez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaBárbara Gómez
Biografía
Nacemento1 de setembro de 1994 Editar o valor en Wikidata
Taragoña, España Editar o valor en Wikidata
Morte2 de setembro de 2023 Editar o valor en Wikidata (29 anos)
Caboalles de Abajo, España (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióncopiloto Editar o valor en Wikidata

Bárbara Gómez Oubel, nada en Taragoña (Rianxo) o 1 de setembro de 1994 e finada en Caboalles de Abajo (Villablino) o 2 de setembro de 2023, foi unha piloto e copiloto galega de rallys. Participou en máis de 80 probas entre rallys e rallymixes, case sempre como copiloto da súa parella, Tínín Iglesias. Competiu tamén como piloto en varias probas do Campionato Galego de Autocrós. Faleceu aos 29 anos, nun accidente durante a disputa do Rally Valle de Laciana na provincia de León.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Aos 16 anos comezou a colaborar na organización do Autocrós do Castro, na súa vila natal, onde pouco despois coñeceu ao piloto Tinín Iglesias, co que iniciou unha relación sentimental.[1] Dende entón colaborou coa escudaría Desguaces Tino, fundada polo pai de Tinín, o tamén piloto Tino Iglesias, ao tempo que exercía como comisaria en rallys.[1] En 2017 decidiu probar como copiloto de Tinín, ante a ausencia do compañeiro habitual deste, Telmo Díaz.[1] O seu debut produciuse no Rally Cidade de Narón, a bordo dun Citroën Saxo VTS, obtendo o 21º lugar. Correu xunto á súa parella tamén no Rally Ourense-Ribeira Sacra dese ano e xa a partir da seguinte tempada foi a única copiloto de Tinín, co que disputou máis de 80 probas nos seguintes seis anos.

En 2018, primeiro ano no que competiu asiduamente, levou o premio da Federación Galega de Automobilismo á mellor copiloto feminina do ano, na suma dos campionatos galegos de rally, rallymix e autocrós.[2] Ademais, estreouse como piloto, disputando as catro probas do Campionato Galego de Autocrós, conducindo un Peugeot 106, e conseguiu o cuarto posto no Autocrós do Castro.[2]

Na tempada 2020 do Campionato de Galicia de Rally acabou na sexta posición absoluta entre os copilotos e proclamouse campioa no certame de copilotos da Copa Top Ten Pirelli.[3] Na seguinte campaña conseguiu o quinto posto absoluto, o mellor da súa carreira.[4]

Faleceu o 2 de setembro de 2023, un día despois do seu 29º aniversario, durante a disputa do sexto treito do Rally Valle de Laciana na provincia de León. Competía como copiloto de Tinín Iglesias e a parella ocupaba a segunda posición da clasificación provisional, cando o seu Ford Fiesta N5 saíu da estrada batendo contra un valado. A copiloto faleceu no acto, mentres que o piloto foi hospitalizado polas súas feridas.[5]

  1. 1,0 1,1 1,2 Penedo, Pablo (22 de marzo de 2018). "Tinín Iglesias e Bárbara Gómez: A parella cun volante como alianza". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2023. 
  2. 2,0 2,1 Penedo, Pablo (8 de febreiro de 2019). "A novel que sacou o carné de campioa galega de automobilismo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2023. 
  3. "Clasificacións 2020" (PDF). Federación Galega de Automobilismo. Consultado o 30 de decembro de 2023. 
  4. "Clasificacións 2021" (PDF). Federación Galega de Automobilismo (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2023. 
  5. Tranca, Miguel Ángel (2 de setembro de 2023). "El rallye Valle de Laciana se cobra la vida de la copiloto Bárbara Gómez" (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2023.