Saltar ao contido

Bolígrafo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un bolígrafo é un instrumento para a escritura similar a un lapis en canto a tamaño e forma.

Modelo de bolígrafo con tinta líquida e bola

Consta dunha cámara interna, chea de tinta viscosa, que se distribúe pola punta a través dunha pequena esfera de metal (0,7 mm a 1 mm de diámetro); a tinta sécase de modo inmediato tralo contacto co papel. Pola súa característica de ser barato e confiable ocupou o lugar da pluma estilográfica, tamén denominada pluma fonte.

Detalle da punta dun bolígrafo (1 mm).

Foi inventado en 1938 polo inventor e xornalista húngaro (nacionalizado arxentino) László Bíró (1899 - 1985), con axuda do seu irmán Georg. Na Arxentina, o 29 de setembro, día do seu nacemento, conmemórase o Día do Inventor.

En 1940 ambos emigraron á Arxentina e o 10 de xuño formaron a compañía Biro Meyne Biro. En 1943 Biro licenciou o seu invento a Eversharp Faber, dos Estados Unidos, na entón extraordinaria suma de 2 000 000 de dólares, e en 1951 a Marcel Bich, de Francia. Este último desenvolveu, baixo a marca BIC, un bolígrafo de baixo custo que contribuíu enormemente á popularización do invento.

En 1945 a Forza Aérea dos Estados Unidos fixo un pedido de 20.000 unidades. Biro non patentara o seu invento nos Estados Unidos, o que provocou forte competencia. No mesmo ano Milton Reynolds desenvolveu o seu propio modelo, e Franz Seech inventou a tinta que seca en contacto co aire, coñecida comercialmente como paper mate.

A sociedade formada por Biro e os seus socios crebou, aqueixada por falta de financiamento e por novos inventos que non tiveron éxito comercial. Un antigo provedor, Francisco Barcelloni, independentemente dos desenvolvementos de Bich, intentou entusiasmar a Biro para fabricar un bolígrafo de baixo custo. Non logrou convencelo e instalouse pola súa conta; mellorou o fluxo de tinta e ensaiou unha bóla de tripla dureza. Posteriormente, Barcelloni contratou a Biro para a dirección da nova fábrica.

Outras denominacións

[editar | editar a fonte]

En moitos países europeos, Australia e Nova Zelandia, os bolígrafos son coñecidos como biros; na Arxentina, como lapicera ou birome. Este último é o nome orixinal do invento, composto dos apelidos de Biro e o seu socio e amigo Meyne, quen o axudou a escapar da persecución nazi.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Hai dous tipos básicos de bolígrafo: o desbotable e o recargable. Os bolígrafos desbotables están feitos de plástico e non se volven a utilizar unha vez que a tinta se esgota; os recargables son de metal ou plástico e son de maior calidade e prezo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]