Beatus ille

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Paisaxe rural de Éfeso, Turquía

Beatus ille é unha locución latina que se traduce "feliz aquel". Trátase das dúas primeiras palabras dun dos épodos máis famosos do poeta latino Horacio. O poema canta as excelencias da vida no campo ademais de amosar aprecio pola vida tranquila, fronte á axitación da vida mundana e frívola e das súas preocupacións.

Beatus ille qui procul negotiis,

ut prisca gens mortalium
paterna rura bobus exercet suis

solutus omni faenore...[1]

Que se pode traducir por Feliz aquel que, lonxe dos negocios, / como a primitiva estirpe dos mortais, / labra os campos paternos cos seus bois, / libre de toda usura...

Tópico literario[editar | editar a fonte]

O beatus ille é un tópico literario. Durante o Renacemento, frei Luis de León traduciu o poema horaciano, que logo serviu de base para a súa "Oda a la vida retirada"[2].

Na mesma época o poeta francés Joachin du Bellay, abandeirado da Pléiade, escribiu o soneto "Heureux qui, comme Ulysse, a fait un beau voyage" ("Feliz quen, coma Ulises, fixo unha boa viaxe"). No seu poema presenta unha variante do tópico do beatus ille, exaltando non a vida solitaria, senón a vida viaxeira que vén rematar na tranquilidade da patria.

O poeta galego do século XIX Xosé García Mosquera [3] recreou en verso o épodo horaciano:

¡Feliz quen vive, cal os de outro tempo,

lonxe de barafundas,
e labra os eidos que seu pai labraba,

con xugada de seu, libre de usuras!...

Posteriormente, o poeta Xosé Crecente Vega [4] tamén recorreu ao mesmo tópico:

Ben ditoso é o labrego que se poda

valer en si, sin traballar no alleu;
quen ten para dar ós fillos unha coda;

un peso para gastar; gado de seu.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Épodos, Horacio en The Latin Library
  2. Oda a la vida retirada, Fray Luis de León
  3. A Gaita Gallega 31.03.1886, px. 3.
  4. CRECENTE VEGA, Xosé: Folla bricia. Poesía galega completa. Centro Ramón Piñeiro, Santiago de Compostela 2002.