Barfly é un filme de 1987, un dos dous filmes escritos polo escritor e poeta estadounidense Charles Bukowski. Esta película, ao igual que a moi posterior Factótum, é un retrato semi-autobiográfico da vida do autor, e as súas eternas borracheiras e pelexas en sórdidos antros e escenarios. Bukowski narra tamén a súa experiencia durante a rodaxe desta película na súa novela de 1989 Hollywood, unha visión dramatizada e sarcástica do mundo do celuloide.
Henry Chinaski é un poeta que vive nos barrios baixos da súa cidade. A súa existencia, marcada por unha tendencia ao alcoholismo, xira arredor de borracheiras en bares e pelexas nocturnas nas rúas, buscando traballiños para subsistir durante o día. Só nos seus escritos Henry verte un anaco da súa personalidade que non coñece ninguén, o máis profundo e sensible.
Unha noite coñece a Wanda Wilcox, unha muller alcohólica e habitual de bares como Henry, e comezan unha relación. Ambos os dous viven cos cartos xustos, intentan mudar e manterse sobrios. Ao pouco as cousas complícanse por mor das personalidades de cada un e a aparición dunha editora de clase alta, que recibe algúns poemas de Henry e desexa publicar a súa obra a grande escala.