Charles Bukowski
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2026.) |
Charles Bukowski, nado en Andernach (Alemaña) o 16 de agosto de 1920 e finado nos Ánxeles o 9 de marzo de 1994, foi un escritor e poeta estadounidense.[1] Considérase representante do realismo sucio, a súa obra ten forte carga autobiográfica e reflexa o alcoholismo e a pobreza na que viviu.[2] A súa obra está influenciada pola atmosfera da cidade dos Ánxeles, onde pasou a maior parte da súa vida. Está considerado un dos símbolos da literatura independente.[3] Publicou libros de diversos xéneros: diarios, relatos, novela, poesía, ensaio e mesmo o guión dun filme, Barfly, experiencia que relatou na novela: Hollywood (1989). Parte da súa obra está protagonizada por Henry Hank Chinaski, o seu álter ego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A súa nai foi a costureira alemá Katharina Fett e seu pai o militar estadounidense Henry Bukowski, destinado a Alemaña despois da primeira guerra mundial. En 1923 a familia trasladouse a Baltimore e posteriormente aos Ánxeles.[4] Estudou arte, xornalismo e literatura na Universidade dos Ánxeles mais non rematou a carreira.
Na primavera de 1944 publicou o relato «Aftermath of a Lengthy Rejection Slip» na revista Story e en 1946 publicou «20 Tanks From Kasseldown» en Portfolio: An Intercontinental Quarterly. Ao fracasar no seu intento de converterse en escritor, decepcionouse co proceso de publicación e deixou de escribir durante case dez anos, época na que seguiu a vivir nos Ánxeles –foi carteiro entre 1950 e 1953– e vagou polos Estados Unidos con traballos temporais. Na primavera de 1954 estivo hospitalizado por unha úlcera moi grave, e tras recuperarse comezou a escribir poesía. En 1957 casou coa escritora e poeta Barbara Frye, e divorciáronse en 1959.
Retomou o traballo como carteiro e durante unha década. En 1964 foi pai de Marina Louise Bukowski xunto con Frances Smith. Durante un tempo viviu en Tucson, onde fixo amizade con Jon Webb e Gypsy Lou, que o animaron a publicar e vivir da literatura. Publicou poemas na revista The Outsider, e Loujon Press publicoulle os volumes It Catches my Heart In Its Hand (1963) e A Crucifix in a Deathhand (1965). En 1967 comezou a columna Notes of A Dirty Old Man no xornal dos Ánxeles Open City, e ao pechar o periódico en 1969 proseguiu coa columna no Los Angeles Free Press.[5]
En 1969 deixou o seu emprego na oficina postal para dedicarse a tempo completo á escritura, logo de que o editor John Martin de Black Sparrow Press lle prometese cen dólares mensuais de por vida. Un mes despois de deixar o traballo rematou a súa primeira novela, Servizo de Correos. En 1978 mudouse xunto con Linda Lee Beighle dende Hollywood, onde residira a maior parte da súa vida, a San Pedro, cara ao sur da cidade. Casaron en 1985.
Morreu por mor da leucemia o 9 de marzo de 1994 pouco despois de rematar a novela Pulp.[6]
Obra (selección)
[editar | editar a fonte]Novela
[editar | editar a fonte]- Servizo de Correos (Post Office, 1971).
- Factotum (1975).
- Women (1978).
- Hollywood (1989).
- Pan con xamón (Ham on Rye, 1982).
- Pulp (1994).
Relato
[editar | editar a fonte]- Notes of a dirty old man (1969)
- Erections, ejaculations, exhibitions and general tales of ordinary madness (1972)
- South of Non North (1973)
- Hot Water Music (1983)
Poesía
[editar | editar a fonte]
- It catches my heart in its hands (1963).
- Crucifix in a deathhand (1965).
- The Days Run Away Like Wild Horses Over the Hills (1969).
- Mockingbird Wish Me Luck (1972).
- Toca o piano borracho como un instrumento de percusión ata que os dedos empecen a sangrar un pouco (Play the Piano Drunk Like a Percussion Instrument Until the Fingers Begin to Bleed a Bit, 1979).
- Love is a Dog from Hell (1977).
- Septuagenarian Stew: Stories & Poems (1990).
- The Last night of the Earth poems (1992).
Outros
[editar | editar a fonte]Cinema
[editar | editar a fonte]- Tales of Ordinary Madness, sobre a vida de Charles Bukowski, de Marco Ferreri.
- Barfly, con guión do propio Bukowski, que inspirou a súa novela Hollywood. Narra as súas vivencias durante a rodaxe.
- Factotum, adaptación da novela homónima, dirixida por Bent Hamer e interpretada por Matt Dillon, Lili Taylor e Marisa Tomei.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Charles Bukowski". IMDb.
- ↑ Debritto, Abel (2024). Bukowski. Rey del underground. Madrid: Punto de Vista.
- ↑ Dobozy, Tamas (2001). "In the Country of Contradiction the Hypocrite is King: Defining Dirty Realism in Charles Bukowski's Factotum'". MFS Modern Fiction Studies (en inglés) 47 (1): 43–68.
- ↑ Sounes, Howard (2000). Charles Bukowski. Una vida en imágenes. Barcelona: Salamandra. p. 1.
- ↑ Sounes, Howard (1998). Charles Bukowski: Locked in the Arms of a Crazy Life'. Grove Press.
- ↑ Calonne, David Stephen (2012). Charles Bukowski. Londres: Reaktion. ISBN 978-1-78023-023-8.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Charles Bukowski |