Baño de bosque

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un baño de bosque é unha inmersión na natureza durante a cal os participantes espertan os sentidos e baixan o ritmo co fin de fortalecer a saúde física e mental[1].

Trátase dunha actividade orixinaria do Xapón, onde é coñecida coma shinrin-yoku, que gañou popularidade en Europa e os Estados Unidos de América a principios do século XXI, dentro dunha crecente corrente de interese polo medio ambiente, o contacto coa natureza ou a biofilia.

É unha experiencia eminentemente sensorial que permite conectar co ambiente e cun mesmo a través dos sentidos, observando, escoitando, tocando... O obxectivo desta práctica é reducir o estrés e mellorar a concentración, a saúde e o benestar.

Un baño de bosque ten unha duración aproximada de 2 horas e media no que se percorre menos de 2 quilómetros.

Historia[editar | editar a fonte]

A práctica dos baños de bosque, shinrin-yoku ou terapia de bosque orixinouse no Xapón nos anos 80 como resposta aos altos índices de estrés que mostraba a poboación.

Tratando de facer fronte ao chamado karoshi[2] (termo xaponés que identifica as mortes provocadas polo exceso de traballo), o goberno nipón impulsou a práctica dos baños de bosque.

Os obxectivos que se perseguían eran fundamentalmente dous:

  • Poñer en valor os bosques e espazos naturais do país.
  • Combater o crecente estrés da poboación e favorecer a relaxación.

Estudos científicos[editar | editar a fonte]

Dous expertos destacaron na investigación dos efectos dos baños de bosque e o contacto coa natureza na saúde das persoas:

  • O inmunólogo e Director da Sociedade Xaponesa de Medicina Forestal, Qing Li. “[O bosque] Prevén a enfermidade ao diminuír notablemente a hormona da tensión que causa tantas enfermidades. Reduce a tensión arterial e o azucre en sangue, mellora a saúde cardiovascular e metabólica, a concentración, a memoria e o limiar da dor”.[3]
  • O investigador e doutor en medicina Yoshifumi  Miyazaki.[4] “Cando pasamos tempo nos bosques, inconscientemente experimentamos relaxación a través dos cinco sentidos".[5]

Desde os anos 90, leváronse a cabo diferentes investigacións sobre os efectos beneficiosos que o contacto coa natureza ten na saúde e o benestar das persoas.

A idea da que parten a maioría destes estudos é que, cando estamos en contacto coa natureza, sentimos mellor, relaxámonos.

No ano 2010, o  Dr Qing Li concluíu que, ao reducir o estrés e o nivel de cortisol[6], a práctica dos baños de bosque reforzaba o sistema inmunitario. Ademais, incrementaba a concentración en sangue das células NK[7] (ou “natural  killers” en inglés), e que este efecto podía manterse, polo menos, durante 7 días.

No ano 2014, o profesor E. Miyazaki e o seu equipo demostraron que, tras realizar camiñadas de 15 minutos no bosque, diminuían o nivel de cortisol en saliva (a chamada hormona do estrés) e o ritmo cardíaco. A nivel psicolóxico, constataron un incremento da calma, vitalidade e sensación de benestar, e unha redución dos sentimentos negativos como a ansiedade e o nerviosismo.[8]

En 2018, un grupo de investigadores polacos, realizou un experimento[9] no que se avaliaban o impacto dos  baños de bosque na relaxación fisiolóxica e psicolóxica. Os resultados confirmaron as conclusións de estudos previos: diminución do ritmo cardíaco, a presión arterial, a ansiedade ou a hostilidade, e incremento da relaxación, a vitalidade e a sensación de benestar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Qué son los Baños de Bosque o Shinrin-Yoku: origen, beneficios y cómo disfrutarlos". Habla del Bosque (en castelán). 
  2. "Qué es el "karoshi", la muerte por exceso de trabajo que en Japón es un problema de salud pública". BBC (en castelán). 
  3. "Dr. Qing Li". La Vanguardia (en castelán). 
  4. "Yoshifumi Miyazaki". Chiba University (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2019. 
  5. "Baño de bosques, la tradición budista convertida en terapia que beneficia tu salud". EcoDiario (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2020. 
  6. "¿Qué le pasa a tu cuerpo cuando tienes exceso de cortisol?". AARP Foundation (en castelán). 
  7. "Effect of forest bathing trips on human immune function". NCBI (en inglés). 
  8. "Influence of forest therapy on cardiovascular relaxation in young adults". NCBI (en inglés). 
  9. "The Effects of a Short Forest Recreation Program on Physiological and Psychological Relaxation in Young Polish Adults". MDPI (en inglés). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]