Awan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Awan foi un reino na rexión de Elam, ao sur de Susa. A dinastía de Awan reinou desde sobre o -2500 ao -2100 e foi contemporánea de Sargón I de Akkad (sobre -2334-2279); o seu último rei, Puzur-Inshushinak reinaría ao mesmo tempo que Urnamu de Ur (sobre -2110-2094). As fontes sumerias deixaron indicacións das campañas militares que axudan a comprender a historia e xeografía de Elam.

Os reis de Awan dominaron Elam e a súa dinastía foi hexemónica ata preto do -2325, en que foi sometido a imposto por Sargón I de Akkad. Dos sete primeiros reis non se sabe nada e son só unha lista de reis.

O país rebelouse contra o sucesor de Sargón, o seu fillo Rimush, sobre o -2281, baixo a dirección do rei Lukhkhishshan, auxiliado polo rei de Warakshe (tamén sublevado) Sidgau, pero a rebelión foi acorada. Os reis oitavo e noveno son mencionados (en orde inversa) nas informacións das campañas de Sargón e o seu fillo Rimush, campañas que tiñan unha finalidade económica (busca de materiais que non existían en Sumer) e non de conquista permanente.

O rei de Akkad Manishtushu (sobre -2275-2260) continuou as loitas ao sur de Elam chegando á zona do golfo Pérsico, que cruzou para establecer unha alianza coas 32 cidades da costa de Arabia. En tempo do rei Naramsin de Akkad (sobre -2260-2223) fíxose un tratado entre o rei de Susa, vasalo de Naramsin e o rei de Awan, Khita ou Hita, probabelmente tamén tributario, tratado que é o primeiro texto elamita en caracteres cuneiformes que se coñece pero que ten unha interpretación moi complexa.

Awan recuperou a plena independencia sobre o -2221 e tivo a hexemonía de Elam durante case un século. Na segunda metade do século -XXI os gutis ocuparon o país e o -2116 o rei Utukhengal de Uruk derrotou ao rei guti Tiriqan nunha batalla entre Kish e Nippur, e derrocou ao novo rei guti Sium corenta días despois, apoderándose dos seus dominios. O último rei de Awan, Puzur-Inshunshinak conquistou Susa e despois Anshan e estableceu por primeira vez unha confederación elamita forte que se consolidou co sometemento dos reis de Simashki. Pero os seus sucesores perderon Susa e a dinastía dos Simáshquidas (xurdida do reino de Simashki) estableceu o seu poder en Elam.

Lista de reis[editar | editar a fonte]