Art & Copy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Art & Copy
Ficha técnica
Na rede
http://www.artandcopyfilm.com/
IMDB: tt1333631 Filmaffinity: 945713 Allocine: 142540 Rottentomatoes: m/1216754-art_and_copy Allmovie: v476962 TCM: 774663 Metacritic: movie/art-copy Editar o valor em Wikidata

Art & Copy é un filme documental de Doug Pray sobre a industria publicitaria americana dende o punto de vista dos creadores e profesionais do sector. Estreouse no 2009.

Ten unha duración de 89 minutos nos que participan coas súas opinións personalidades relevantes do mundo da publicidade coma Lee Clow, Jim Durfee, Cliff Freeman, Jeff Goodby, David Kennedy, George Lois, Charlie Moss, Hal Riney, Phyllis K. Robinson, Rich Silverstein, Mary Wells ou Dan Wieden. A partir deles tamén se pon de relevo a míticos directores creativos coma Bill Bernbach.

Sinopse[editar | editar a fonte]

No documental faise repaso a algúns dos máis influentes creativos publicitarios americanos de todos os tempos e ás axencias que dominaron o negocio publicitario dende os anos 60. A historia que se conta fócase no bo facer e na sabedoría que despregan algúns dos seus máis famosos practicantes. En consonancia co título presta especial atención á maneira en que artistas (os directores de arte) e redactores (copy writers) abordaron a creación de campañas publicitarias que aínda hoxe serven de referencia ós novos profesionais da publicidade.

Dan Wieden, Mary Wells, Lee Clow, Hal Riney e outros responsables de campañas e slogans tan célebres coma "Just Do It", "I Love NY", "Got Milk" ou "Think Different" relatan as entrañas desta actividade económica que se move entre os seus fins pragmáticos—conseguir a atención do maior número de consumidores— e a xenialidade das súas elaboradas e eficaces execucións —capaces de conmover e persuadir coas súas mensaxes.

Tagline[editar | editar a fonte]

A tagline con que se promoveu fai referencia á parte artística e creativa da publicidade: "Creativity can solve everything" ("A creatividade pode solucionalo todo").

Recepción crítica[editar | editar a fonte]

As recensións americanas foron xeralmente favorables aínda que algúns críticos castigaron o documental por presentar unha visión pouco crítica da publicidade. Shawn Levy, que lle concede un 83 sobre 100, resalta que Doug Pray nunca chega a cuestionarse se a publicidade é "arte" ou "comercio".[1]

Sen abordar de modo directo as cuestións morais problemáticas do "fenómeno publicitario", o documental non deixa por iso de mostrar as ambiguas relacións que se dan na publicidade entre o económico (aparece xeralmente vencellada ó márketing), o artístico (sérvese da arte e é creadora de cultura popular) e o humano (sérvese de mecanismos diversos de manipulación para modificar hábitos e comportamentos humanos).

Dende as voces dos profesionais que a fan posible, Art & Copy ofrece unha informada e entretida panorámica da actividade que probablemente máis determina a marcha das modernas sociedades de consumo. Faino amosando o proceso enteiro que vai dende a idea inicial á planificación, execución e implementación final (destacada no filme a través dos "rotators"). A longametraxe combina as diversas historias persoais dos protagonistas con materiais audiovisuais das campañas publicitarias relevantes e imaxes actuais da súa presenza e impacto sociocultural no mundo contemporáneo.

Aínda que non foi clasificada pola MPAA, é apta para todo tipo de público adulto, especialmente para os interesados na comunicación persuasiva. Un recensionista[2] en IMDb destaca que quizais non sexa unha boa escolla para rapaces que aínda estean aprendendo a falar referíndose en concreto algunhas das expresións fortes que saen da boca de George Lois.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Critic Reviews". IMDb. Consultado o 19/11/2015. 
  2. "So That's Why They Put The Mute Button On The Remote". IMDb. Consultado o 19/11/2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]