Saltar ao contido

486958 Arrokoth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Arrokoth»)
Imaxe estéreo de Arrokoth
Imaxe estéreo de Arrokoth.
Encontro con New Horizons
Encontro con New Horizons.

Arrokoth ('ceo' na lingua algonquina) é un Obxecto do Cinto de Kuiper (KBO polas súas siglas en inglés). É o obxecto máis afastado visitado por unha nave espacial terrestre, a New Horizons, nave que o avistou en agosto de 2018 e que o sobrevoou o 1 de xaneiro de 2019 ás 5:33 UTC.

Características

[editar | editar a fonte]

A órbita de Arrokoth afástase no cinto de Kuiper, máis alá da órbita de Neptuno. O encontro coa New Horizons o día de ano novo tivo lugar a 6000 millóns de km da Terra. Arrokoth é un obxecto clásico do Cinto de Kuiper ou cubeún.[1]

Foi descuberto o 26 de xuño de 2014 polo Telescopio Espacial Hubble durante as primeiras observacións para atopar un obxecto adecuado do Cinto de Kuiper para a misión New Horizons. O descubrimento requiriu o uso do Hubble debido á gran distancia á que se atopa o obxecto, que só é posible de divisar cos telescopios máis potentes. Hubble tamén é capaz de realizar cálculos astrométricos e determinar o percorrido da órbita do obxecto.[2] O corpo celeste do cinto de Kuiper foi elixido para a misión da sonda New Horizons cinco anos antes da arribada desta ó asteroide.

Recibiu o nome provisional de (486958) 2014 MU69[3]. Fíxose un concurso para nomealo,[4] coñecéndose de xeito informal co nome Ultima-Thule[5]. O seu nome definitivo foi dado pola Unión Astronómica Internacional o 22 de novembro de 2019.

A órbita de Arrokoth ten un semieixo maior de 44,6 UA, cunha excentricidade de 0,042 e unha inclinación de 2,45º. O seu período é de 293 anos. Arrokoth ten forma bilobal, con dous lóbulos diferenciados e de distinto tamaño en contacto por unha interface anular cunha reflectancia superior á da media dos dous lóbulos. Esta disposición implica que se trata dun binario de contacto, é dicir un corpo formado a partir de dous corpos que impactaron un contra outro. As imaxes do obxecto non mostran signos de fracturas de compresión nin deformación nin outras características típicas de impactos violentos, polo que se calcula que os dous lóbulos entraron en contacto cunha velocidade relativa de só uns poucos metros por segundo. Á súa vez, esta baixa velocidade relativa de impacto implica que os lóbulos tiveron orixe nunha mesma mesma nube de restos, xa que a velocidade relativa típica dos KBOs actuais rolda os 300 m/s, e un impacto a esa velocidade destruiría ou deformaría fortemente os dous lóbulos. O período de rotación de Arrokoth é de 15,92 horas, similiar ao doutros KBOs clásicos. O seu eixo de rotación está inclinado 98º con respecto do seu plano orbital, polo que no momento do sobrevoo mostraba case a mesma cara cara ao Sol. As dimensións globais do obxecto son de 35 x 20 x 10 km, co lóbulo maior medindo 22 x 20 x 7 km e o menor 14 x 14 x 10 km. O volume total de Arrokoth é de 2450 km3 (1400 km3 para o lóbulo máis grande e 1050 km3 para o máis pequeno). Os centros dos lóbulos están a 16 km de distancia un do outro e os eixos principais de cada un son case paralelos, cunha aliñación menor de 7º, o que é unha forte evidencia de que antes de impactar os lóbulos estaban bloqueados gravitatoriamente. A súa temperatura superficial varía entre 20 K no lado nocturno ata 60 K no diúrno.[6]

  1. Barnett, Amanda (28 de agosto de 2015). "Pluto probe gets new assignment". CNN. Consultado o 7 de outubro 2015. 
  2. Spencer, J. R.; Buie, M. W.; et al. (2015). "The Successful Search for a Post-Pluto KBO Flyby Target for New Horizons Using the Hubble Space Telescope" (PDF). European Planetary Science Congress (EPSC) Abstract (Copernicus Office). 
  3. "International Astronomical Union IAU". www.iau.org. Consultado o 2019-11-28. 
  4. Talbert, Tricia (2017-11-06). "Help Nickname New Horizons’ Next Flyby Target". NASA. Consultado o 2019-01-02. 
  5. Talbert, Tricia (2018-03-13). "New Horizons Chooses Nickname for ‘Ultimate’ Flyby Target". NASA. Consultado o 2019-01-01. 
  6. Stern, Sol Alan (de de abril de 2020). "Initial results from the New Horizons exploration of 2014 MU69, a small Kuiper Belt Object" [Primeiros resultados da exploración de 2014 MU69, un pequeno obxecto do Cinto de Kuiper, pola New Horizons.] (en inglés). arXiv:2004.01017 [astro-ph.EP]. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]