António Óscar de Fragoso Carmona
António Óscar de Fragoso Carmona, nado en Lisboa o 24 de novembro de 1869 e finado na mesma cidade o 18 de abril de 1951, foi un político e militar português, décimo primeiro Presidente da República Portuguesa (primeiro do Estado Novo).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Era fillo e neto de militares. Estudou no Colexio Militar de Lisboa entre 1882 e 1888 e na Escola do Exército entre 1889 e 1892, saíndo como oficial de Cabalería. Era republicano e masón.
O 15 de outubro de 1910 foi nomeado membro da Comisión de Reestruturación do Exército polo goberno revolucionario republicano. Foi instrutor da Escola Central de Oficiais (1913-1914), director da Escola Práctica de Cabalería de Torres Novas (1918-1922) e Comandante da IVª División situada en Évora (1922-1925). Foi ministro de Guerra entre o 15 de novembro e o 18 de decembro de 1923, no goberno de Ginestal Machado.
Tralo golpe militar do 28 de maio de 1926, o 3 de xuño foi nomeado ministro de Asuntos Exteriores. O 9 de xullo, trala caída do xeneral Gomes da Costa, foi nomeado ministro de guerra. O 26 de novembro de 1926 foi nomeado por decreto Presidente da República. Aínda no marco da ditadura militar, deu inicio ao período da Ditadura Nacional, sendo elixido de novo en 1928. Trala aprobación da Constitución de 1933, foi reelixido en 1935, 1942 e 1949.
Se ben acadara o posto de xeneral do exército en 1922, en 1947 concedéuselle o título honorífico de mariscal.
Foi o primeiro presidente que visitou as colonias portuguesas en África en 1938, cunha visita a San Tomé e a Angola.[1] Óscar Carmona foi un dos principais valedores de Salazar e padriño do seu rápido ascenso político: foi Oscar Carmona quen nomeou xefe do goberno a Oliveira Salazar. Aínda que en 1947 existiron rumores de que o entón presidente apoiara unha tentativa de golpe militar contra o primeiro ministro, Carmona fose nomeado mariscal e de novo candidato ás eleccións en 1949.[2]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Presidente Óscar Carmona, selo de 1$00 de 1945
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "MPR - Óscar Carmona". www.museu.presidencia.pt. Consultado o 2025-06-07.
- ↑ "Óscar Carmona, 25 anos presidente". RTP Ensina (en portugués). Consultado o 2025-06-07.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: António Óscar de Fragoso Carmona |