Antófitos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antófitos
Rango fósil: Carbonífero Superior - recente
Os antófitos son as plantas con flores.
Os antófitos son as plantas con flores.
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Tracheophyta
Euphyllophyta
División: Spermatophyta
Anthophyta
Braun in Ascherson 1864,
emend. Bessey 1907
Subdivisións

Os antófitos [1][a] (do grego άνθος ánthos, "flor" e φυτόν phytón, "vexetal", "planta") é un grupo taxonómico, ao que algúns autores adxudican a categoría de división, e que outros consideran como un clado, que comprende a todas as especies das chamadas plantas con flores.

É o grupo de seres vivos con maior número de especies coñecidas, ao redor de 275.000, as cales teñen unha enorme importancia para o ser humano e para os animais en xeral. A súa característica máis importante é que presentan unha fecundación dupla.

Os antófitos son anxiospermas e, polo tanto, teñen óvulos encerrados en carpelos. A secuencia evolutiva deste grupo é pouco coñecida, pois faltan os primeiros elementos da cadea, ben porque non se fosilizaron, ben porque evolucionaron moi rapidamente. Comprende as dicotiledóneas e as monocotiledóneas.

Nos últimos tempos considerábanse o grupo como un clado que comprendería as anxiospermas —as anxiospermas actualmente existentes— así como as Gnetales e o extinto grupo das Bennettitales. Pero detallados estudos morfolóxicos e moleculares demostraron que o grupo non é realmente monofilético, e fixéronse propostas de que as homoloxías florais dos gnetófitos e as anxiospermas puideran ter evolucionado en paralelo.[2] Grazas a estes estudos é máis fácil conciliar os datos do reloxo molecular, que suxiren que as anxiospermas diverxeron das ximnospermas hai ao redor de 300 millóns de anos.[3]

Algúns estudos máis recentes utilizan a palabra antófito para describir un grupo que inclúe as anxiospermas e unha variedade de fósiles (Glossopteris, Pentoxylon, Bennettitales e Caytonia), pero non as Gnetales. [4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A RAG sanciona de acordo coas normas de adaptación de cultismos de orixe grecolatia, un termo co segundo compoñente -phyta, plural neutro do latín científico -phytum derivado do grego φυτόν phytón, "vexetal", "planta" (os termos neutros do latín científico galeguízanse como masculinos).
Referencias
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para antófito.
  2. Crepet, W. L. (2000): "Progress in understanding angiosperm history, success, and relationships: Darwin's abominably "perplexing phenomenon"". Proceedings of the National Academy of Sciences 97 (24): 12939) PDF
  3. Nam J. et al. (2003): "Antiquity and Evolution of the MADS-Box Gene Family Controlling Flower Development in Plants Mol. Biol. Evol. 20 (9): 1435–1447. Ver en liña
  4. Soltis, D. E.; Bell, C. D.. Kim, S. e Soltis, P. S. (2008): "Origin and Early Evolution of Angiosperms" Ann. N.Y. Acad. Sci. 1133: 3–25. Resumo"The Year in Evolutionary Biology" Resumo

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]