O AW149 foi desvelado no Farnborough Air Show de 2006. Derivado do AW139, o AW149 ten unha fuselaxe máis longa e motores máis potentes, conseguindo un maior volume de carga. O 13 de novembro de 2009 o primeiro prototipo realizou o seu voo de estrea nas instalacións de AgustaWestland en Vergiate, no norte de Italia.[2] O 26 de febreiro de 2011 o segundo prototipo, o primeiro aparello cos motores de produción, voou por primeira vez en Vergiate.[3]
AgustaWestland presentou unha versión do AW149, designada TUHP149, como candidata ao Programa de Helicóptero Utilitario Turco para as forzas armadas de Turquía. O programa buscaba un lote inicial de 109 helicóperos valorados en 4 000 millóns de dólares, e as futuras ordes podían chegar finalmente aos 300 aparellos.[4] O 21 de abril de 2011 o Ministerio de Defensa turco anunciou que o Sikorsky S-70i Black Hawk fora seleccionado como gañador.[5]
A certificación militar para o AW149 foi anunciada por Finmeccanica no Farnborough Air Show de 2014.[6] O tren de aterraxe pode aguantar co aparello tocando o chan a unha velocidade de caída de 9,5m/s, comparado cos 2m/s para un helicóptero civil. O AW149 está sendo comercializado como unha alternativa á familia do Sikorsky UH-60 Black Hawk. Tailandia pediu 5 unidades do AW149 e é o seu primeiro cliente de exportación.[7][8] A Forza Aérea de Italia considerouno como helicóptero de busca e rescate pero finalmente elixiu o máis lixeiro AW139M.