AT-AT

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diorama AT-AT

O AT-AT (siglas do inglés All Terrain Armored Transport, literalmente: «transporte acoirazado todo terreo») é un vehículo propio do Imperio Galáctico utilizado na guerra civil galáctica no universo da Guerra das Galaxias.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Os AT-AT son vehículos de enorme tamaño con característicos trazos zoomorfos (como os elefantes de guerra), deseñados e fabricados polo Imperio Galáctico. Están compostos por un corpo que leva no seu interior os motores e numerosas tropas do Imperio Galáctico, a cabeza (onde están a cabina de control e o armamento) e catro altas patas que manteñen a estrutura afastada do perigo do chan. As patas contan con radares para detectar minas, fosos ou calquera elemento que poida supor un perigo para a tripulación ou o propio vehículo.[1] Tanto en Hoth como en Endor foron empregados para atacar ás forzas rebeldes. Sábese que en Hoth foron destruídas tres unidades e en Endor unha.

Os seus construtores foron os mesmos que nos tempos da República Galáctica deseñaron os AT-TE, os AT-ST e os LAAT.[1] Debido ao seu enorme tamaño, os AT-AT son transportados polas barcazas-lanzadeiras Y-85, especialmente deseñadas, desde os destrutores ou gornicións próximas para despregalos sobre a área de batalla.

Antes do Imperio, a República manexounos durante as Guerras Clon, na Batalla de Jabiim. É o máis grande de todos os andadores imperiais, seguido polo MT-AT, AT-ST, AT-AA e AT-PT.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "All Terrain Armored Transport". Star Wars (en inglés). Consultado o 19 de febreiro de 2024.