Íleo
O íleo é a terceira e última parte do intestino delgado, entre o xexuno e o colon. O intestino delgado é un tubo de paredes musculares, cuxa función é dixerir e absorber a maior parte dos alimentos. O alimento, mentres está a ser dixerido vai desprazándose a través do intestino delgado, por forza da acción da parede muscular. As vilosidades e microvilosidades intestinais aumentan a súa superficie de absorción.
Se dividísemos o intestino en 3 partes, un terzo correspondería ao xexuno e dous terzos ao íleo (cómpre ter en conta que o intestino delgado pode acadar os 9 m de longo). O íleo áchase tralo xexuno e fica separado do cego pola válvula ileocecal.
No íleo absórbese a vitamina B12 e sales biliares. O pH desta zona do intestino está, normalmente, entre 7 e 8 (neutro ou lixeiramente alcalino).
No feto, o íleo está ligado ao embigo a través do conduto vitelino. Aproximadamente no 3% dos seres humanos este conduto non se pecha nas primeiras sete semanas despois do nacemento, o que orixina unha patoloxía chamada divertículo de Meckel.
No seu treito final atopamos a maior cantidade de áreas de tecido linfoide, as placas de Peyer.